As dez datas para gozar do cinema con música en directo
Caspervek anuncia polo seu V Aniversario os dez concertos que ofrecerán na nosa cidade ao longo do 2019 en diferentes lugares, nos que musicalizarán en directo obras de cinema clásico como Robin Hood, El Fantasma de la Ópera o El Hombre de la Cámara.
Antes da chegada en 1927 de The Jazz Singer, o primeiro filme con son sincronizado, era habitual que nas salas de cine houbese un pianista musicalizando en directo as distintas películas, que desta forma pasaban a ser obras audiovisuais. Algo similar é o que levan facendo estes cinco anos o trío musical Caspervek, formado por Brais González Pérez ao piano, Eduards Vecbaštiks ao violín e Blas Castañer Ibáñez á percusión.
Un total de dez concertos en catro localizacións ben distintas, para gozar coa maxia do cine e da música en directo en ambientes do máis variados. A programación comeza o 2 de marzo con El Navegante (1924) de Buster Keaton en La Galeriajazz. Nese mesmo lugar terá lugar o 6 de abril Robin Hood (1922) de Douglas Fairbanks, no que colaborará Laura Lorenzo á frauta.
Os días 26 e 27 de abril será o Cine Miúdo, unha serie de actividades didácticas para escolares, no Teatro García Barbón. Un dos pratos fortes da tempada chegará o 2 de maio no Conservatorio Superior de Música co concerto sobre o filme La Pasión de Juana de Arco (1930) de C. T. Dreyer, no que colaborarán o Coro de Cámara Rías Baixas e un ensemble.
O verán tamén promete ser apaixoante coas actuacións que terán lugar no precioso xardín da Fundación Sales. En xuño será o clásico El Fantasma de la Ópera (1924) de Douglas Fairbanks, o que será acompañado coa voz da soprano Beatriz Arenas. Máis adiante, en xullo e setembro, volve Buster Keaton co seu The Cameraman (1928) e con El Maquinista de la General (1927), respectivamente.
Para rematar, o trío volta a La Galeríajazz con El Hombre de la Cámara (1920) do soviético Dziga Vertov o 19 de outubro , acompañados polo clarinete de Marta Sancho; e o 14 de decembro con Häxan (1922) de Benjamin Christensen, na que contarán coa axuda de Nerea Rodríguez ao acordeón. Na súa web podedes atopar máis información desta curiosa agrupación, ademais doutras datas de concertos noutros lugares de Galicia.