REVISTA ABRIL

Cine mudo con música en directo, ioga no xardín e outras actividades volven á Fundación Sales este verán

A Fundación Sales abre as portas do seu xardín á programación cultural de verán despois de case catro meses de parón. O espazo acollerá durante xullo, agosto e setembro concertos, un obradoiro de bonsais xaponeses, outro de ioga e a musicalización en directo de filmes clásicos polo trío Caspervek.

Concerto do trío Casperveck

A gran variedade de plantas silvestres, tropicais, acuáticas e árbores non son o único atractivo da Fundación Sales, un espazo para o desfrute da natureza situado na Avenida de Europa. O seu xardín será este verán o idílico escenario no que poderemos desfrutar de música en directo, así como ioga e obradoiros.

REVISTA ABRIL

O primeiro destes acontecementos será o concerto de Two in the Mirror, que escolle o xardín para celebrar o seu oitavo aniversario o 4 de xullo. Este dúo vigués, composto por Paco Dicenta no baixo e os loops e Noelia Álvarez na voz propoñen unha noitiña de versións de soul, pop e jazz coas que relaxarse e botar uns bailes a partes iguais.

Pouco despois tomará o relevo un clásico dos seráns estivais na Sales, o ciclo de cine ao aire libre de Caspervek. Este trío de músicos galegos é coñecido pola calidade do seu orixinal formato: a musicalización en directo de filmes mudos clásicos con piano, violín e percusión. Nesta ocasión, poderemos gozar do cinema ao aire libre en tres ocasións. Os filmes escollidos son Las tres edades, que poderemos ver e escoitar o xoves 9 de xullo; El hombre mosca, á que porán música en directo o xoves 6 de agosto; e Tabú, un filme alemán que transcorre na Polinesia para a cal o trío estará acompañado do percusionista Fran Troncoso.

Alén da música, o xardín da Sales acollerá varias actividades acordes coa tranquilidade do seu ambiente. Durante todo o verán podemos participar no obradoiro de ioga no xardín que se desenvolverá dúas veces por semana ou no de mindfulness que terá lugar os martes. Pero ademais o 11 de xullo, a partir das 10 da mañá Raquel Flores imparatirá unha clase de ioga trala cal os asistentes desfrutarán dun batido verde e un doce saudable. Ás 12h do mesmo día o xardín recibirá a visita de Kiare, que leverá a cabo un obradoiro de Kusamono, un tipo de arte floral xaponés emparentado cos bonsais no que ensinarán a crear composicións en miniatura e macetas especiais. O sábado seguinte, o día 18, desenvolverán un obradoiro para aprendernos a coidar as plantas de interior.