Álvaro Gago rodará a súa nova curta en marzo nos barrios de Coia e Bouzas
O director vigués Álvaro Gago, nominado aos últimos Goya pola súa curta Matria, está a preparar a súa seguinte rodaxe, 16 de decembro, que terá lugar o próximo mes de marzo en Vigo. Por iso, acaba de abrir unha campaña de crowdfunding para conseguir os fondos necesarios.
Despois das súas curtas Currican e Bombolles, o director vigués Álvaro Gago conseguiu decenas de recoñecementos (Gran Premio del Jurado en el Festival de Sundance 2018 entre eles) e inumerables proxeccións en festivais de todo o mundo coa súa curta Matria, un absoluto éxito de crítica e público coa que foi nominado aos Goya a Mellor Curtametraxe de Ficción. Aínda que o galardón foi para Cerdita, de Carlota Pereda, Matria xa é unha das obras máis importantes do cinema galego dos últimos anos.
Agora Gago atópase coa preprodución da que será a súa seguinte curta, 16 de decembro. Un filme duns 15 minutos protagonizado por Cris Iglesias que tratará sobre o traxecto de Lucía, unha rapaza de 25 anos, desde o pavillón onde adestra balonmán ata o conservatorio, onde ten que recoller ao seu irmán.
A obra filmarase entre os días 12 e 16 de marzo nos barrios vigueses de Coia e Bouzas, nos que intentará crear unha atomesfera opresiva e incómoda na que a protagonista terá que moverse. 16 de decembro trata sobre a banalidade da crueldade, sobre unha realidade, a nosa, na que a violencia contra as mulleres só polo feito de ser mulleres é parte fundamental da súa estrutura. En última instancia, a película é un berro de apoio á necesidade de construír un marco institucional e social no que todas as mulleres se sintan amparadas e seguras.
Para a correcta realización desta nova aventura cinematográfica iniciouse unha campaña de crowdfunding na plataforma dixital Verkami, coa que pretenden alcanzar a cifra de 16.000€. Podes ver as recompensas e participar neste enlace. A continuación, neste vídeo os propios Álvaro e Cris explican o proxecto: