CIRCO DE NADAL
CAMELIAS NADAL

’16 de decembro’, do vigués Álvaro Gago, nomeada aos Goya

Este luns 18 a Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España deu a coñecer todos os nomeados para a 35ª edición dos Premios Goya, que se celebrará o 6 de marzo en Málaga. Entre os afortunados atopamos ao vigués Álvaro Gago coa súa curta 16 de decembro, rodada en Vigo en marzo de 2019.

CAMELIAS NADAL
Álvaro Gago durante a rodaxe da curta no pavillón de Coia | P. Vázquez

O cinema vigués volve facerse un oco nos premios máis importantes a nivel estatal. 16 de decembro, a última curta do vigués Álvaro Gago, está nomeada a Mellor Curtametraxe de Ficción. O filme protagonizado por Cris Iglesias foi rodado en marzo de 2019 entre os barrios de Coia, Bouzas, Travesas e Beiramar. Esta nomeación aos Goya é a guinda para un traballo que vén sendo laureado e premiado en diferentes festivais de cine, como na última edición do local Primavera do Cine.

Esta ficción obxectiva, desposuída de teatralidade e imposturas, atópase en plataformas VOD como Filmin ou Movistar+. No equipo de rodaxe podemos ver nomes como Lucía C. Pan, gañadora en 2018 do Mestre Mateo á Mellor Dirección de Fotografía por Dhogs Cris Iglesias, actriz que participou en proxectos como Fariña e Valeria; e Mireia Graell, fundadora de Ringo Media e produtora detrás de La Novia ou Estiu 1993 ou a realizadora viguesa Lucía Estévez.

En canto á representación galega nos Goya, a lista amplíase de maneira considerable. O actor Mario Casas está nomeado a Mellor Actor Protagonista por No Matarás; Solo son peces, de Paula Iglesias, a Mellor Curta Documental; Homeless Home, de Alberto Vázquez, e Metamorphosis, de Carla Pereira, a Mellor Curta de Animación; e a coprodución galego-arxentina La gallina turuleca, que alzarase coa estatuiña a Mellor Longa de Animación debido a que é a única en competición nesta categoría.