Xa se pode visitar o Belén xigante da Casa das Artes
Desde onte xa se pode visitar o Belén da Casa das Artes, unha construcción de 100 metros cadrados con 60 pezas, referencias locais, son e cambio de luz para representar o día e a noite. Poderá visitarse ata principios de xaneiro.
O Nadal vai chegando con forza á cidade. Onte coñeciamos o Belén da Casa das Artes, un gran proxecto de 100 metros cadrados realizado pola Agrupación Belenista ‘La Morana’ de Zamora. Conta cun total de 60 pezas entre persoas e animais, algunhas delas en movemento. As súas roupas están inspiradas por pintores como Murillo e Zurbarán.
O título escollido para a exposición é ‘Un belén para o rei. O Nadal no Alcázar’, na que ademais do belén atoparemos fotografías e textos explicando as diferentes figuras, localizacións e escenas da representación. Inspirada polos beléns portugueses neoclásicos dos séculos XVII e XVIII, nela atopamos momentos claves da Biblia como o Nacemento de Xesús e a adoración dos pastores, a Anunciación do anxo ou a Cabalgata dos Reis Magos.
Tamén hai múltiples referencias a Vigo, xa que podemos ver referencias locais como as fontes de Neptuno, Falperra ou do ‘Angelote’, o río Lagares, os petroglifos de Zamáns aou dous aldeanos coa indumentaria típica do Vigo do século XVII. Como diciamos, o belén conta con sons incorporados e cambio de luz, para conseguir unha experiencia máis real e inmersiva.
Esta contrucción, realizada con todo luxo de detalles, poderá visitarse de luns a venres de 17 a 21 horas; sábados, domingos ye festivos de 11 a 14 horas e 17 a 21 horas; días de Nadal, Aninovo e Reis, de 12 a 14 horas e de 17 a 21 horas; días de Noiteboa e Noitevella, de 12 a 20 horas; e véspera de Reis (Cabalgata), de 12 a 21 horas.