CAMELIAS MASCOTAS

Brasil será o país invitado no Festival Primavera do Cine


O prazo de inscrición para participar no Festival Primavera do Cine, que se celebrará en Vigo entre o 9 e o 13 de maio, está aberto. Tódolos cineastas ou produtoras que queiran presentar o seu traballo teñen ata o 28 de febreiro para enviar as súas propostas.

Nesta edición do festival, Brasil será o país invitado. Segundo Juan de Castro, director do certame, “imos ter unhas producións tanto galegas como portuguesas e brasileiras moi potentes. Unha ocasión única para achegarnos tanto á tradición cinematográfica coma as obras que se están a facer actualmente no país brasileiro”.

REVISTA NOVEMBRO

Como novidade, este ano o festival sairá do centro da cidade para estar presente tamén en barrios como Coia e o Calvario. Ademais, a organización do evento apunta que están buscando sinerxías con outros festivais que se celebran na cidade, como o Sin Sal ou o Festival nun Local, para que teñan presenza no Primavera.

O evento cinematográfico seguirá apostando por dar visibilidade ao cine galego e lusófono polo que na súa sétima edición manterá as dúas seccións orixinais (galega e portuguesa) coas tres categorías xa tradicionais: curtametraxes, longametraxes e videoclips, mais un apartado especial dedicado a animación, un cine que ten cada día máis adeptos e do que temos grandes referentes coma o gañador de tres Goyas, Alberto Vázquez.

As proxeccións das longametraxes terán lugar no Auditorio do Concello de Vigo, no Instituto Camões poderanse ver os filmes lusófonos e no Marco, as curtametraxes galegas e portuguesas. Actualmente a organización do festival está en conversas coa sede de AFundación para a ampliación do certame a un cuarto escenario aínda que está pendente de confirmación.