CAMELIAS MASCOTAS
Shrek en galego

Shrek e a importancia de rirnos de nós mesmos

Tras ver Shrek aprendemos que dous ogros verdes que se tiran peidos e eructos poden ser tan entrañables como os típicos príncipes e princesas de conto. Unha mensaxe que a produtora galega Coda TM soubo manter e transmitir no divertido Musical de Shrek que onte pasou polo Mar de Vigo.

Onte puidemos gozar no Mar de Vigo do musical de Shrek, baseado na famosa película de Dreamworks que en 2011 gañou o Oscar ao mellor filme de animación e, que a súa vez, está baseada no libro Shrek! de William Steig.

REVISTA NOVEMBRO

A historia de Shrek ten transcendido por ir en contra de tódolos clixés dos filmes de animación. Aínda que hai príncipes e princesas, Shrek conta a historia de amor entre dous ogros e o que é máis importante da necesidade de aceptarnos tal como somos, coas nosas diferenzas e querernos e querer aos outros tamén.

A adaptación do filme ao musical correu a cargo da produtora galega Coda TM que conseguiu manter a esencia da historia enchendo o guión de chiscadelas á nosa actualidade e facendo bo uso da retranca galega. Coda TM contou co beneplácito nesta adaptación de DreamWorks un aval que xa anticipaba a calidade do show.

Un espectáculo de algo máis de dúas horas de duración sen pausa, que conseguiu manter aos miúdos atentos ata o fin. Os diálogos íanse combinando ao longo da función coas partes musicais. Aquelas actuacións nas que aparecían os frikies sobre o escenario eran as máis vistosas e as que máis gustaban ao público. Mención especial merece tamén o personaxe de burro, moi ben traído da película provocou a gargallada de pequenos e maiores.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.