Percorre o Camiño de Santiago a través de fotos no Museo do Mar
Desde hoxe e ata o 25 de novembro podedes visitar no Museo do Mar a exposición Via Iacovitana. Os Camiños de Santiago de Compostela en Galicia, un percorrido fotográfico polos diferentes camiños que percorren Galicia. A través destas imaxes, contémplase o Camiño en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes e o legado cultural que atesoura.
Trátase dunha colección de 50 imaxes de fotógrafos galegos que percorreron a Ruta Xacobea para amosar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire o Camiño. As imaxes mostran paisaxes de todo tipo: mar, montaña, costa, urbano, rural… Con esta mostra auméntase o legado iconográfico xacobeo existente e tamén lógrase perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan. Á vez que se pon en valor o labor de grandes profesionais galegos.
A través das imaxes que se expoñen poderase contemplar o Camiño de Santiago dende diferentes ópticas, gozando das paisaxes cambiantes por mor da época do ano, da luz ou dos protagonistas das instantáneas. Coas imaxes propostas na mostra evidénciase a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable poder de atracción.
As fotografías que poderemos ver na planta inferior do segundo edificio do Museo do Mar pertencerán aos cinco camiños galegos existentes: francés, inglés, portugués, portugués da costa e o da Prata. De feito, cúmprense dous anos desde que o Camiño Portugués da costa, o cal pasa por Vigo, foi recoñecido como oficial. Vigo quere converterse nunha das paradas con maior afluencia do Camiño, por iso estanse a realizar obras no albergue de peregrinos do Berbés.
Galicia está a prepararse para o Ano Xacobeo do 2021 con todo tipo de eventos e agardan superar as cifras de visitantes da última vez. Nos últimos anos téñense rexistrado visitantes dunhas 180 nacionalidades, polo que buscan converter Galicia nun destino turístico internacional.
A exposición é gratuíta e permanecerá aberta ata o 25 de novembro no seguinte horario:
- De martes a venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00
- Sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00