REVISTA ABRIL

Vieiros por terra e mar: Jet & Bike e Camino de Santiago a Caballo

A estas alturas do ano, non é mal momento para ir planificando algunha que outra escapada. Tampouco é preciso ir moi lonxe para gozar dalgunhas actividades diferentes á habituais, como pilotar unha moto de auga pola Ría de Pontevedra ou facer o Camiño de Santiago a cabalo. Velaquí dous plans dos que tomar boa nota.

Jet & Bike: a lei da ría

Se hai un lugar por excelencia en Galicia con ambiente de puro verán, ese é Sanxenxo. A vila pontevedresa ofrece todo tipo de opcións para o lecer, especialmente se o plan está relacionado coa auga. Diso saben ben nesta empresa náutica especializada no mundo das motos acuáticas. A grande oferta de alugueiro e venda deste tipo de vehículos convértenos nun referente no país. Os servizos van máis aló do comercio, pois ofrecen invernaxe e reparación de embarcacións e asistencia no mar, cubrindo todo o espectro de necesidades posible: no campo das motos de auga existen modelos que precisan de licenza e outros que non. Tamén podemos escoller entre a pilotaxe libre (se a persoa dispón da licenza precisa) ou unha ruta guiada. Desde a empresa recomendan esta última, pois é a máis segura para o cliente e é un xeito de descubrir os encantos da ría da man de guías preparados.

Os plans de ocio continúan fóra da auga, pois tamén son concesionario oficial de buggies, quads Can-Am Spyder, cos que chegar a lugares tan atractivos como A Toxa. Por se non fose abondo, cas experiencias Living Galicia ofrécense paquetes para días enteiros e fins de semana. Plans que poden incluír rutas en diferentes vehículos por terra e mar, comidas, spa, visitas a bodegas, aloxamento… Os destinos tamén son ben variados: Fisterra, Ourense, O Salnés, Santiago de Compostela ou Portugal.

Jet & Bike | Porto deportivo Xoán Carlos I (Sanxenxo) | jetandbike.com |  986 09 76 19 e 687 02 57 65 | info@jetandbike.es | @jetandbike

Camino de Santiago a caballo: galopando ceibe

REVISTA ABRIL

Agora que a chuvia debería ir dando tregua, outra das opcións para gozar da natureza do país é facer o Camiño de Santiago. Pode ser a pé, en bicicleta… ou a cabalo. O nome da empresa que dirixe Lorena Martínez non deixa moito lugar a dúbidas. Ao longo de todo o ano — aínda que se recomenda facelo entre marzo e outubro, pola climatoloxía e as horas de luz— , ofértanse aquí diversas rutas que desembocan na Praza do Obradoiro. Imaxinemos a sensación: despois de percorrer quilómetros e quilómetros, entrar ao lombo dun fermoso cabalo na zona cero de Compostela, presidida pola Catedral.

Como é ben sabido, non hai un único Camiño. Vieiros temos para repartir, e calquera das rutas pode facerse cabalgando: o Camiño de Fisterra e Muxía; o Camiño de Inverno; o Camiño do Norte, ruta da costa e ruta do interior; o Camiño Francés; o Camiño Inglés; o Camiño Mozárabe ou Vía da Prata; o Camiño Portugués, ruta da costa e do interior… O creador desta iniciativa, Jesús Muíños, desenvolveu unha nova vía á que bautizou como a Ruta do Mar, que continúa o Camiño Portugués da costa polas rías de Pontevedra e de Arousa: Sanxenxo, A Toxa, Cambados, Catoira… Para Lorena, facer a cabalo a Ruta da Auga e mais a da Pedra, en Meis, é unha sensación de máxima tranquilidade, algo que non ten prezo. Todos os servizos inclúen pensión completa, aloxamento, traslados, vehículo de apoio, guía e demais cuestións loxísticas para que só precisemos unha pouca experiencia cabalar e ganas de trote.

Camino de Santiago a caballo | Caminos Galicia Caritel, 2 (Ponte Caldelas) |  caminosantiagoacaballo.com | 639 50 38 15 | caminosgalicia@hotmail.com | @caminosantiagoacaballo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.