CAMELIAS MASCOTAS

O Kerouac convídanos a viaxar de Vigo ao infinito cos seus versos

Se vas camiñando pola rúa e de pronto escoitas poesía, tranquilo non estás tolo é o poemóbil. O Festival Kerouac inicia a súa oitava edición e insiste no seu obxectivo de encher as rúas de Vigo de poesía. Este peculiar vehículo con dous altofalantes polo que van pasando diferentes poetas é so a punta de lanza dun festival que reunirá a 45 poetas de todo o mundo durante 4 días.

REVISTA NOVEMBRO

Cynthia Mendez recitando a bordo do barco no Festival Kerouac | Bernard Betancourt

O poemóbil xa está a percorrer as rúas de Vigo pero a actividade grande comeza o xoves. A encargada de inaugurar esta edición é Yolanda Castaño na galería Sargadelos o xoves ás 19:30. A poetisa galega, que agora se atopa en San Simón no Obradoiro de Tradución Poética, virá acompañada de poetas de Bagdad, Berlín, Porto, Bilbao, Calcuta e Vigo aos que conducirá ao longo da performance. Unha das novidades desta edición, segundo sinala Vanesa Álvarez, unha das organizadoras do festival poético, é que todas as localizacións, agás a terraza do Corte Inglés, son novas.

Marcos de la Fuente, co-creador do evento, explica que “O Kerouac é coma un ser vivo que medra e en cada edición faise máis grande”. Un dos méritos deste festival segundo La Fuente, é o de converter a Vigo nunha cidade “máis cidade”. Tal e como engade o poeta, “durante estas catro xornadas poetas de todo o globo veñen a Vigo, lévanse unha impresión da nosa cidade que despois comparten no seu país”. O festival ten un claro afán internacionalista, máis patente dende que hai catro anos ten versión americana. “Trátase de tombar fronteiras e crear pontes”. Un dos cabeza de lista do festival é Bob Holman, aos seus 70 anos Holman é un mítico da xeración Beat de Norteamérica. “Agora vén a Vigo ver que diantres está a pasar nesa esquina de Europa na que se fai un festival de poesía en honor ao seu compatriota Kerouac”, conclúe la Fuente.

O Kerouac quere desfacer esa idea preconcibida que todos temos de poesía na cabeza. Neste festival tamén haberá teatro, danza e música. A xornada do xoves rematará de feito en La Fábrica de Chocolate, aquí veranse a cara as bandas The Mona Passage de New York e Balea e Thomas Dylan de Vigo. O venres o encontro terá lugar na Fundación Barrié, o sábado primeiro na Terraza do Corte Inglés e logo trasladarase ao Vitruvia. Aquí Sheila Blanco musicará poemas de mulleres da xeración do 27. O domingo sesión vermú no Mercado do Berbés e para pechar o festival un dos actos máis visuais: O Poetry on Board. Bob Holman, Bonafide Rojas e Sheila Blanco recitarán a bordo dun barco que nos traslada dende Vigo a Moaña, Cangas, Nova York ou tan lonxe como sexamos capaces de viaxar cos seus versos.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

(GMT+01:00) Galería Sargadelos


(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate


(GMT+01:00) Rúa Londres


(GMT+01:00) Fundación Barrié


(GMT+01:00) El Corte Inglés


(GMT+01:00) Vitruvia Café


(GMT+01:00) Mercado do Berbés


(GMT+01:00) Estación Marítima

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.