CAMELIAS MASCOTAS

Iván Ferreiro lanza Cena Recalentada, a súa homenaxe a Golpes Bajos

Un dos nosos músicos máis ilustres acaba de sacar ao mercado o seu último traballo Cena Recalentada. Un total de 19 cancións coas que Ferreiro brinda a súa particular homenaxe a unhas das bandas que máis lle marcaron na infancia, os vigueses Golpes Bajos. Ademais, contou coa colaboración de tres ex-membros como Pablo Novoa, Teo Cardalda e Luis García.

Portada do disco, no que vemos a Iván de neno

Xa está á venta Cena Recalentada, o último traballo discográfico de Iván Ferreiro. Mais este, a diferenza dos demais, non contén ningunha canción do propio Ferreiro, xa que se trata dun disco de versións dun dos seus grupos de cabeceira: Golpes Bajos. Gravado en Vigo e homenaxeando a un grupo vigués, coa axuda dos seus colaboradores habituais (seu irmán Amaro, Martiño Toro e Pablo Novoa) e de ex membros da banda dos oitenta (o mencionado Pablo, Luis García e Teo Cardalda). Chega dous anos despois de Casa, disco cunha gran aceptación entre o público e co que leva xirando durante todo este tempo.

REVISTA NOVEMBRO

A idea deste proxecto naceu no 2014, cando Ferreiro decidiu interpretar só cancións de Golpes Bajos na súa actuación do PortAmérica, en homenaxe ao falecido Germán Coppini, cantante da formación. Aínda que o concerto non acabou de convencer a gran parte do público, que esperaba os temas de Iván, ao cantante gustoulle a idea e gardouna ata hoxe, que ve a luz en CD e nun doble vinilo.

Golpes Bajos foi un grupo vigués, nado en 1982, que gozou dun grande éxito a nivel nacional ata a súa disolución en 1986, cando cada membro emprendeu outros proxectos musicais (Coppini en solitario, Cardalda en Cómplices, García en Semen Up e Novoa en La Marabunta). Un EP e un disco foron suficientes para que esta banda se convertise nunha referencia en todo o país, cun pop rock electrónico único, que os diferenciaba doutros grupos da Movida como Siniestro Total ou Bromea y Que.

A presentación en directo terá que esperar ata despois do Nadal, e na súa banda poderemos ver aos ex-Golpes Pablo Novoa (un habitual na formación de Ferreiro) e Luis García. Este período de tempo tan longo se debe á complexidade das cancións, que precisan de moitos ensaios para ser presentadas en vivo, xa que neste caso o propio Iván, antes que cantante, e fan do material. A xira de Cena Recalentada será paralela á de Casa, coa que xa ten datas pechadas ata o ano que vén.