CAMELIAS MASCOTAS

Unha de romanos e celtas en Navia co Vicus Spacorum

Por sétimo ano Navia será o punto de convivencia entre romanos e celtas no Vicus Spacorum, que se celebrará no Parque do PAU deste barrio os días 15 e 16 de setembro. Nesta festa familiar atoparemos comercios, obradoiros, música, exposicións, recreacións históricas, desfiles, xogos e concursos. 

O Vicus Spacorum, un dos eventos de carácter histórico máis importantes de Vigo, busca mellorar os números da pasada edición, na que conseguiu reunir a máis de 40.000 persoas nunha fin de semana. A pesar de continuar na liña que lles levou ao éxito, esta VII edición conta con algunhas novidades como un concurso infantil de caracterización, a presenza da guardia pretoriana ou os concertos de música folk irlandesa.

A gran novidade deste ano, que busca afianzar ao Vicus Spacorum como un evento familiar referente, é o Concurso Infantil Don Disfraz de caracterizacións, no que a rapazada ata 14 anos poderá participar nesta vistosa competición. Haberá premios á mellor caracterización e sorteos con produtos valorados en máis de 1000€ (consolas, tablets, televisións…). Esta actividade terá lugar o sábado 15 ás 19:00, unha das horas de maior afluencia do festival.

REVISTA NOVEMBRO

Pero ademais disto contaremos, como outros anos, con numerosas actividades de ocio para toda a familia. Este ano destaca tamén a pesenza da Guarda Pretoriana de Luga, que chega a Navia coa súa espectacular tenda do prefecto, que de seguro será o gran atractivo  do Asentamento Romano, no que tamén haberá obradoiros, a xa consolidada Schola FOANPAS e outras moitas actividades.

Na zona celta poderemos revivir en primeira persoa vodas castrexas, ademais de gozar con unha variedade de xogos rústicos da época. Será nesta zona onde se producirá outro dos espectáculos máis vistosos da fin de semana: o asalto ás tropas pretorianas por parte das tribus galaicas. Igual ou máis espectacular será a exhibición de Haspastum que haberá o sábado á tarde, que enfrentará á Garda Pretoriana contra os Mercenarios Galaicos.

Por se fora pouca cousa, ao longo destes dous días atoparemos postos de comida e de artesanía, xogos, exposicións, obradoiros e música. Sobre esta última, os concertos serán de folk irlandés, e serán os encargados de pechar a noite do sábado. Asemade, haberá 5 bandas de gaitas percorrendo o recinto, desfiles da lexión romana con percusión e da garda pretoriana. Un espectáculo único e atemporal o que poderemos vivir os días 15 e 16 no Parque do PAU en Navia.

(GMT+01:00) Navia


(GMT+01:00) Navia