CAMELIAS MASCOTAS

Roi Méndez: “Quero que aos meus compañeiros lles guste Vigo e que a Vigo lle gustemos nós”

Este venres 10 de agosto rematan os concertos en Castrelos co show dalgúns dos rapaces e rapazas da última edición do reallity Operación Triunfo. Falamos cun deles, o galego Roi Méndez, sobre este concerto, a súa experiencia no programa e a súa carreira en solitario.

As entradas levan esgotadas desde o día que saíron. Como se leva isto? Con presión?

A presión é inevitable, e máis tocando na casa. Máis que presión é responsabilidade, sobre todo porque quero que aos meus compañeiros lles guste Vigo, e que a Vigo lle gustemos nós. Quero quedar ben con todo o mundo (risas).

Lémbraste de vir a Castrelos algunha vez a ver un concerto?

Creo que non. Eu vivín un ano en Vigo, en Bouzas, pero a Castrelos creo que nunca fun.

O teu último single, Por una vez más, está un pouco afastado do que acostumabas facer na Academia. A que se debe este cambio?

Non estabamos premeditados a nada, un pouco ao que saíse. Na Academia non escolliamos nós as cancións, eran como retos semanais. Por sorte gústanme moitos estilos de música e agora mesmo estou experimentando. Non digo que todo o disco vaia ser como este tema.

Ou sexa que aínda non sabemos, nin sabes, como será o teu próximo traballo.

É aínda cedo. O outro día atopeime co cantante de Miss Cafeína e lembroume que cando viu á Academia eu lle dixen que quería facer un disco con moitos estilos diferentes. Tampouco falo de facer unha muñeira, un rock n roll  e unha de metal, pero dentro do pop, que é o que me gusta e o que fago, gustaríame facer un disco variado, que non sexa monótono.

Da data de lanzamento nin falamos, entón. 

Non non, as cancións non están nin gravadas.

Como antigo membro dunha orquestra, coñeces as dúas caras da música. Cres que programas como Operación Triunfo son a forma idónea de darse a coñecer ante o gran público?

Eu creo que é unha plataforma desexada pola gran maioría da xente que se quere dedicar á música. Hai loxicamente quen non está a favor do formato, pero a proxección que te dá é innegable. Antes de comezar a nosa carreira o programa deixounos nunha posición moi boa e a cantidade de público que nos pode escoitar é moito maior, eu o vexo súper positivo e recomendable.

Entón non cres que teña un lado negativo?

Eu só lle vexo vantaxes respecto a como era a miña vida antes.

Persoalmente, onde gozas máis, nun concerto individual ou cos teus compañeiros e compañeiras de OT?

Respecto ao dos meus compañeiros, como cada vez quedan menos, dáme máis mágoa. Gústame dar concertos en solitario porque é o que me espera no futuro, non imos estar xuntos toda a vida, pero con eles é super divertido e sei que os vou botar un montón de menos. Teño sentimentos encontrados: non quero separarme pero quero comezar a xirar.

E de todos os teus compañeiros e compañeiras, cal é o que máis che sorprendeu ao saír do programa?

Sorprendeume moito Mimi (Lola Índigo). O videoclip vino unhas 5 ou 6 veces, é aditivo, non sei que ten. Sorprendeume porque ela é moi tranquila, moi segura de si mesma, e aínda que foi a primeira expulsada non baixou os brazos. Alédome un montón por ela porque o merece.

Como estás a notar o recibimento aquí na túa terra, en Galicia?

Emocionado, sempre que veño a Galicia é moi emocionante. De feito estou desexando pechar concertos aquí para a miña xira, que Cepeda e Miriam xa teñen a xira pechada e van vir por Galicia. Estou desexando que saian as entradas xa.

Hai algún artista do panorama nacional ou internacional co que che gustaría colaborar?

Gustaríame colaborar con moitos dos meus compañeiros, pero quitando iso,  Álvaro Soler gústame moito, tamén con Izal, aínda que é un estilo un pouco distinto ao que fago.

Entón iremos coñecendo algunhas das cancións do teu novo disco na xira?

REVISTA NOVEMBRO

Si, pouco a pouco.  O comezo da xira é en setembro entón aí non creo que haxa moitos temas novos, pero na do ano que vén si.

Para rematar, unha de fútbol: como ves ao Celta este ano?

Véxoo ben, coma sempre. Confío moito neles e seguro que lles vai xenial.

 

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.