Anxo Cabada: “Eu plantexo as miñas sesións como un vis a vis co retratado”
Ata o 5 de setembro poderemos atopar no primeiro andar da Casa das Artes a exposición O Imaxinario do País, Letras de magnesio do fotógrafo Anxo Cabada, quen ao longo de 6 anos retratou a 50 personalidades das nosas letras. Así, diante do seu obxectivo posaron figuras como Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, María Xosé Queizán, Xosé Luis Méndez Ferrín, Yolanda Castaño e Suso de Toro. Todos os retratos están acompañados por un “autoretrato”, neste caso escrito, por parte dos e das fotografadas. Charlamos un pouco sobre esta exposición co seu artífice.
Por qué “letras de magnesio” como subtítulo da obra?
É unha homenaxe aos fotógrafos antigos que utilizaban magnesio no flash, e se te fixas a base das miñas fotografías é moi parecida aos retratos que se facían antes, cun pano de fondo. O que intentei foi que o rostro fora a paisaxe, que ningún elemento distraxera a atención.
Os retratos foron realizados no teu estudo ou levaches o pano contigo?
Eu como unha compañía de teatro, levaba o pano a onde fixera falta. Según as necesidades de cada escritor ou escritora eu me ía desplazando: por exemplo, como Neira Vilas xa estaba bastante maior fun a súa casa. Sempre aposto pola comodidade do retratado, que se sinta a gusto.
Cal foi o teu criterio á hora de escoller aos escritores e escritoras?
Este xa é o meu cuarto proxecto de fotografía e literatura, entón este é a consecuencia deses traballos anteriores onde estes escritores prestaban os seus textos para apoiar as fotografías.
Hai alguén que che quedase pena de non ter fotografiado?
Fixen unha pescuda bastante intensa na literatura galega, pero bueno, sen dar nomes, hai quen ao chegar a certa idade ten reparos en que a retrates, algo que me parece totalmente lóxico. Algúns estaban enfermos e outros directamente porque están fartos. Levo 6 anos co traballo e hai de todo, pero normalmente a xente foi moi disposta a colaborar e moi paciente.
Con esta obra estamos a falar dun importante documento no presente, pero tamén para o futuro.
Plantexeime este proxecto a longo plazo e non descarto seguir retratando xente que aposte pola literatura galega. É necesario reivindicalos.
A idea era facelo o máis completo posible, e agora que xa teño a “marca” do pano de fondo, pois seguir por esta liña. Tamén me gustaría facer unha publicación en condicións.
Non debe ser sinxelo plasmar nunha imaxe a persoas con tanta creatividade e complexidade.
Por suposto. É moi difícil captar nunha imaxe a súa personalidade, pero as fotos nacen despois de pasar varias horas xuntos. Eu as plantexo como un vis a vis, nas que exista unha conexión entre o retratista e o retratado. A maioría confesan que se sinten identificados co resultado.
Entendo que hai un gran traballo previo ás fotografías á hora de coñecer tanto a vida como a obra das persoas retratadas.
Claro. A maioría xa os coñecía, lera a súa obra, polo que foi máis fácil conectar con eles. Tamén foi doado contactar con eles xa que levo anos facendo esta mestizaxe de fotografía e literatura. Intento ir tirando dos fíos da vida, como dicía Agustín Fernández Paz.
A que autora ou autor histórico das nosos letras che gustaría ter retratado coa túa cámara?
É díficil, pero xa que estamos en Vigo, eu creo que Álvaro Cunqueiro sería unha personaxe moi interesante á que retratar. Por ese elemento fantástico e por conseguir poñer á literatura galega no mundo da fantasía e dos soños. Quédame pena non terme enfrentado con el a unha sesión fotográfica cando vivía.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024