Mañá remata o prazo de inscripción para a 40ª Travesía a Nado
Este domingo 5 de agosto chega, como nos últimos 40 anos, a mítica Travesía a Nado El Corte Inglés, que sairá ás 11:00 da praia do Vao e terá dúas categorías: a travesía popular e a proba de augas abertas. Este mércores 1 de agosto é o día límite para inscribirse.
Como xa é tradición por estas datas, chega a Travesía a Nado El Corte Inglés, que este ano cumpre 40 edicións, o que o converte nun dos eventos deportivos máis masivos e con máis historia da cidade. Desde a organización apuntan ao conservadorismo, polo que apenas haberá variacións respecto ás de anos anteriores.
As dúas probas que atoparemos este sábado 5 no Vao ás 11:00 serán a Travesía a nado popular, na que pode apuntarse calquera persoa interesada, que constará dunha lonxitude de media milla náutica, algo menos dun quilómetro. Pola outra banda, estará a proba competitiva, o 5º Trofeo de Augas Abertas Mar de Vigo, de 2 km e medio, dirixido a profesionais da natación, que veñen de todas partes da península, e incluso algún de fóra dela. A única novidade é que, segundo a nova normativa, está permitido o uso de neopreno para combater as frías temperaturas.
Tras unha longa travesía a nado, os 6 primeiros nadadores e nadadoras das Augas Abertas recibirán unha dotación económica, mentres que na travesía popular, ademais dos tres primeiros e primeiras, serán premiados o nadador e a nadadora de maior idade que consigan completar a proba. A maiores, todos os e as participantes recibirán un obsequio conmemorativo.
Desde a organización insisten na obrigatoriedade da inscrición, xa que non se pode participar nesta travesía sen estar previamente inscrito. Para realizala, hai que acudir ao 5º andar de El Corte Inglés, sendo este mércores 1 de agosto a data límite. Tamén mostran o seu desexo de que este ano a diferenza entre participantes homes e mulleres se reduza, xa que non hai ningún motivo real para que a presenza feminina sexa moito menor.