Castrelos canta ao son de Maná
As predicións eran certas, e aínda que non foi un millón, milleiros de persoas achegáronse a Castrelos para gozar do concerto do grupo mexicano, quenes ofreceron un show de case dúas horas repleto de éxitos atemporais. Vigo espertou con afonía despois de cantar con enerxía todas as cancións da banda.
Xente no recinto desde o mediodía, colas kilométricas, Castrelos cheo como nunca… ese foi onte o efecto Maná, que chegaba por primeira vez a Vigo nos seus 30 anos de carreira. O grupo mostrouse en plena forma, ofrecendo un repertorio con temas de sobra coñecidos polo público local.
Abriron coa potente Manda una señal, aínda que lles custou un pouco arrincar, especialmente ao seu cantante Fher Olvera. A voz aínda fría, e de seguro os problemas de son que salipicaron parte do concerto, foron os causantes dun comezo dubitativo. Mais pouco tardaron en facerse coas rendas da noite con temas do máis movido, como Oye mi amor, Déjame entrar ou a versión do clásico mexicano El rey.
Tras a emisión dun vídeo cun claro mensaxe ecolóxico e medioambiental, chegou outro dos clásicos da banda, Cuando los ángles lloran, con dedicatoria final a Chico Méndez, protagonista da canción. A banda amosuo a súa habilidade cos instrumentos, especialmente Sergio Vallín na guitarra, no rockeiro corte instrumental que precedeu a varios dos éxitos máis recoñecidos do grupo de Gudalajara: Bendita tu luz, Vivir sin aire e Mariposa traicionera. Un dos momentos máis especiais da noite.
Entre tema e tema, o seu frontman Fher amosouse moi faladeiro e comunicativo co público vigués, confesándolle o bonita que lle pareceu a cidade despois do paseo que deu pola tarde. Un dos puntos negativos na miña opinión foi a inclusión da versión “renovada” de De pies a cabeza, co percusionista da banda facendo de Nicky Jam. Cando o teu repertorio está formado por clásicos, a introducción desta versión reggaetoneira dun tema de 1992 non vén a nada.
Para compensar, o seguinte tema foi o coreadísimo Labios compartidos, unha das cancións insignia do combinado mexicano. A pesar dos problemas técnicos que sufriu Fher durante esta canción, visiblemente molesto, o público berrou o estribillo ata a afonía. Curioso é que as cancións máis actuais que tocaron onte, obviando a reinterpretación de De pies a cabeza, foron Manda una señal, Bendita tu luz e Labios compartidas, todas do disco Amar es combatir, do ano 2006.
Pasada xa a metade do concerto, Álex González tocou e cantou o tema máis rockeiro da noite, Me vale, un himno á liberdade e en contra dos prexuízos. Cando rematou, a banda retirouse aos camerinos e deixaron a Álex so no escenario, quen deleitou ao público cun solo de batería duns 10 minutos, demostrando porque lle apodan O Animal. Tras esta longa demostración de habilidade e poderío, Álex marchou e entraron os seus compañeiros Fher e Sergio quenes, cun sofá no escenario e dúas mozas do público nel, fixeron unha especie de unplugged, recordándonos a aquel do ano 1999.
Neste espazo acústico interpretaron algúns dos seus mellores temas, como Te lloré todo un río, Como dueles en los labios e Eres mi religión, ademais da cover de Juan Gabriel Se me olvidó, pero en versións reducidas, facendo que nalgúns casos soubesen a pouco. A idea é boa, xa que así poden tocar máis cancións no mesmo tempo, pero sacrificando a importancia que lle das a cada unha delas. Para finalizar o concerto, tres dos seus éxitos de sempre, como son En el muelle de San Blas, Clavado en un bar e Rayando el Sol, que foi a canción que puxo punto final a un concerto histórico no Auditorio de Castrelos, que por certo, rematou con Fher coa camiseta de Iago Aspas, un máis que probable agasallo do novo adestrador do Celta Antonio Mohamed, fan acérrimo dos mexicanos.
Maná sabe o que quere o público e ofreceron un show enérxico, emotivo e cargado de éxitos. Son moitos anos de traxectoria, polo que é normal botar en falta algúns temas como Ángel de amor, No ha parado de llover, Si no te hubieras ido ou Mis ojos, pero o que está claro é que os temas escollidos foros os correctos, como demostrará a afonía de medio Vigo hoxe pola mañá.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024