63 rapaces competirán no 8º Concurso de Corda
A finais deste mes, o venres 29, dará comezo no Conservatorio Superior de Música o 8º Concurso de Corda Cidade de Vigo, no que participarán un total de 63 rapaces e rapazas de toda a península. O domingo 1 de decembro coñeceremos aos gañadores de cada unha das categorías.
Xa está todo listo para que comece unha nova edición do prestixioso Concurso de Corda Cidade de Vigo, no que participarán un total de 63 novos músicos de ata 22 anos. A pesar de ter peticións de músicos do resto de Europa, a evento organizado pola Asociación Galega de Instrumentos de Corda (AGIC) mantén a España e Portugal como únicos países con opción a participar.
63 músicos e as súas familias visitarán Vigo ao longo desta fin de semana para competir e gozar dun concurso que xa é referencia a nivel estatal. Iniciarase cun concerto o venres 29 ás 21:00 no Conservatorio Superior de Música, igual que o resto de recitais. Neste participarán os catro gañadores do 7º concurso, onde tocarán como solistas coa Orquestra Clásica de Vigo, dirixida por Manuel Martínez Álvarez Nava.
O xurado, que terá presenza lusa, estará formado polo Maestro Zumalave, Enrique Iglesias, Iminas Kucinskas, Marta Pérez, Leonardo Blanco, Antonio Jose Pereira, Miguel Rocha, Roberto Alonso Trillo e Óscar Rodríguez. Estes profesionais da música clásica terán a difícil tarefa de escoller a 4 dos 63 participantes nas categorías de violín, viola, violonchelo e contrabaixo.
O reparto de premios e o concerto de clausura cos gañadores desta 8ª edición será o domingo 1 de decembro ás 19:00 novamente no auditorio do CSM. Tanto o concerto inaugural, as probas como o de clausura serán totalmente de balde e abertos ao público xeral.