UVIGO
FILLOAS

Coñece todas as curtametraxes que competirán no Primavera do Cine

A sétima edición do Festival Primavera do Cine en Vigo proxectará unha trintena de curtametraxes, entre as que se atopan ‘La mujer invisible’, de Noemí Chantada e ‘Aysha’, de Fon Cortizo.

Un total de 33 obras conforman a sección oficial de curtametraxes, composta por filmes galegos, lusófonos e de animación, da sétima edición do festival Primavera do Cine en Vigo, que se celebrará do 8 ao 13 de maio. Os filmes serán proxectados no MARCO e no Instituto Camões.

Das 33 cintas que competirán no festival 9 son lusófonas, 12 teñen selo galego e 11 son de animación. Dentro do bloque de obras galegas cabe destacar ‘Matria’, cinta coa que recentemente Álvaro Gago conseguía o gran premio do xurado en Sundance, ‘La mujer invisible’, un filme que aborda a prostitución en Vigo, da redondelana Noemí Chantada e ‘Aysha’, de Fon Cortizo, quen retrata na súa curtametraxe a unha poetisa xordana. Tanto ‘Aysha’ como ‘La mujer invisible’ foron as grandes triunfadoras do festival Curtocircuíto 2017.

Tamén se proxectará ‘The App’, de Julián Merino, unha obra que aborda as implicacións que poden chegar a ter as novas tecnoloxías e ‘La Madrina’, unha comedia de Pedro Sancho cuxos dereitos xa foron comprados pola plataforma de vídeos en streaming HBO para a súa emisión nos EE. UU. ‘The App’ arrasou no festival nacional de curtametraxes Talavera de la Reina 2017 facéndose con diferentes galardóns entre os que se atopan o premio á mellor curta nacional e ó mellor guion, mentres que ‘La madrina’ é unha curtametraxe que vén de exhibirse con gran éxito na XIV edición Festival de Cans. Un traballo co que Arantxa Arranguen conseguiu o premio do xurado á mellor interpretación feminina. ‘Exhalación’, de Al Díaz, unha obra experimental no que saen actrices da talla de Ángela Molina e María Hervás é outra das cintas que competirán no Primavera do Cine.

Protagonismo do cine lusófono
En canto ós filmes lusófonos, o festival Primavera do Cine proxectará grandes obras tanto de autores portugueses como brasileiros que contan xa cunha boa colleita de galardóns en diferentes festivais grazas á gran calidade dos seus proxectos. Entre os seleccionados atópanse obras como ‘O forasteiro’, de Diogo Cronemberger e ‘Vidas cinzas’, de Leonardo Martinelli, que foi premiado como mellor filme, mellor fotografía e mellor dirección no festival de Bento Gonçalves.

Deusa’, de Bruna Callegari, tamén se poderá ver no certame, un filme que ostenta diversas distincións entre as que destacan o premio á mellor produción no 13º CineFest Gato Preto (un festival de curtametraxes de São Paulo). Outra das proxeccións que destacan dentro da sección de curtas lusófonas é ‘O vestido de Myriam’, de Lucas H. Rossi, cinta que obtivo o premio á mellor dirección no 27º Festival Internacional de Curtas do Río de Janeiro e a distinción ó mellor filme na décima edición de Los Ángeles Brazilian Film Festival (un festival de cine brasileiro feito en Hollywood).

CAMELIAS NADAL

A animación
O festival Primavera do Cine en Vigo segue apostando neste vindeiro certame pola animación, un cinema no que tanto Galicia como Portugal son grandes pioneiras. Por iso, nesta nova edición poderanse ver un total de 11 curtametraxes animadas como ‘É preciso que eu diminua’, un videoclip realizado polo recoñecido Pedro Serrazina; ‘Surpresa’, de Paulo Patrício, que aborda o cancro infantil a través dunha sincera conversación entre nai e filla; ‘The neverending wall’, de Silvia Carpizo e que conta cun nomeamento ós Goya de 2018, ‘Áuga mole’, de Laura Gonçalves, que reflicte o problema da desertificación no interior de Portugal e a comedia negra ‘Viaje a pies’, de Khris Cembe.