CAMELIAS MASCOTAS

400.000 quilos de comida: récord histórico para o Banco de Alimentos

En 25 anos de historia, nunca antes Fundación Provincial Banco de Alimentos recibira unha cantidade tan grande de alimentos, o que supón unha gran nova tendo en conta os momentos difíciles que estamos a vivir todos. Este ano a campaña realizouse de maneira 100% en liña, cuxas aportacións económicas foron convertidas en produtos básicos.

Non todo van ser malas noticias. A Fundación Provincial Banco de Alimentos, que consta de dúas naves en Vigo e Pontevedra, recadou máis de 400.000 kg de alimentos nesta primeira Gran Recollida Virtual. Aínda son datos provisionais, pero o que está claro é que se trata dunha cifra sen precedentes nos 25 anos de historia da Asociación.

REVISTA NOVEMBRO

A pesar de que as persoas voluntarias non puideron recoller fisicamente alimentos como en edicións anteriores, sumada á incerteza ante a nova metodoloxía de doazóns, desde a ONG móstranse máis que emocionados coa resposta da cidadanía que, aínda que corren tempos complicados, demostrou ser solidaria por enriba de calquera pandemia. Esta adquisición masiva de comida encherá os actuais andeis baleiros en ambas as naves, polo menos, ata a primavera de 2021.

O Banco de Alimentos viu incrementadas as peticións de axuda nun 40% desde que comezou a pandemia. Durante o primeiro semestre deste 2020, a entidade repartiu a nivel provincial, un total de 1.001.425 quilos de comida cubrindo así o 35% das necesidades dos seus destinatarios. O Banco de Alimentos, que entrega comida a 150 ONGs na provincia, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta.

O presidente do Banco de Alimentos, Pedro Pereira, agradeceu publicamente a resposta social destacando que “sabiamos da xenerosidade dos vigueses e pontevedreses, pero descoñeciamos que este ano 2020 aínda nos gardaba unha sorpresa marabillosa en forma de empatía coas persoas máis golpeadas pola actual crise”.