3, 2, 1… luces!
Hoxe, sábado 24, prenderase o alumeado de Nadal. A festa comezará ás 21:00 horas, atrasase hora e media o acendido, nun inicio programado para as 19:30, para evitar a chuvia. Trátase do alumeado máis ambicioso da historia da nosa cidade. Tanto é así que o Alcalde asegura que se poderá ver dende Nova York ou incluso a lúa.
Os grandes atractivos deste alumeado son a árbore situada na Porta do Sol que, unha vez máis, crece en altura e que terá un xogo de luces que dura 6 minutos e se repetirá cada 15 minutos e irá acompañado de música. Na confluencia entre Urzáiz e Gran Vía hai instalada unha caixa de regalo de 15 metros de altura, entre a Alameda e Colón un boneco de neve de nove metros de alto que se poderá atravesar polo interior, ao igual que a bóla luminosa situada na farola de Urzáiz. En Príncipe concentraranse a maioría dos adornos natalicios. Haberá un libro de Nadal xigante, un farol xigante e un camelo ao que os máis cativos poderán subir. No Mercado do Progreso os pequenos poderán montar no tren de Nadal e entre o Museo Marco e Velázquez Moreno instalarase un poboado con tobogán que de ben seguro triunfará entre os nenos. Como vén sendo habitual na Porta do Sol haberá un tiovivo e en Príncipe poderemos visitar a casa de Papa Noel (entre o 1 e o 26 de decembro) e o Carteiro Real do 26 de decembro ao 6 de xaneiro.
Sete pantallas xigantes
Previndo a gran afluencia de público, o Concello instalará sete pantallas de gran tamaño para que ninguén se quede sen ver o espectáculo luminoso. Estas pantallas estarán repartidas pola Porta do Sol, Casa das Artes, no cruzamento de Colón con Policarpo Sanz, na Farola de Urzáiz, no cruce de Príncipe con Velázquez Moreno, no de Urzáiz con Lepanto e na rotonda de Rosalía de Castro. Un despregamento nunca visto con anterioridade. Tamén se confirmou que haberá unha zona habilitada, moi preto da árbore, para persoas con discapacidade física.
Lanzadeiras e bus turístico
Para facilitar o transporte, a partir das 21:00 funcionarán autobuses lanzadeiras desde o Paseo de Alfonso, García Barbón, Praza España e Praza do Rei para trasladalos ao resto de paradas ordinarias. Outras das novidades deste ano será o bus turístico, que realizará percorridos por toda cidade, pasando polos puntos significativos do alumeado, con prezos habituais de transporte urbano e rutas dunha hora de duración.
Tráfico
Como é lóxico, haberá unha serie de medidas especiais no tráfico da cidade. O peche da circulación será progresiva, os cortes de tráfico comezarán ás 16:30 entre Porta do Sol e rúa Reconquista (Teatro García Barbón), para continuar sobre ás 17:00 horas co peche da contorna da Farola e ás 17:30 na Rúa Lepanto. Ás 18:00 horas toda a zona de influencia do alumeado do nadal estará cortada, incluídos os aparcamentos de Velázquez Moreno, Policarpo Sanz, Colón e Uruguai, dos que non se poderá saír ata as 22:00 horas.
Desde o 25 de novembro ata o 6 de xaneiro haberá cortes de tráfico todos os venres, sábados, domingos, festivos e vésperas de festivos entre as 18:00 e as 22:00 horas no Paseo de Alfonso e Elduayen (descendente), na Porta do Sol e no carril de Colón ata República Arxentina (tráfico ascendente polo carril bus).