CASAACUNHA

O que debes saber para asistir ao acendido das luces do Nadal

O contador da pantalla LED (como non!) situada en Príncipe xa case marca cero, o que significa que o acendido das luces de Nadal xa está aquí. Concretamente será este sábado 20 ás 20:30 co seu epicentro na árbore xigante sita frente ao Teatro Afundación, na rúa Policarpo Sanz.

Banner A Movidiña
Acendido das luces do 2018 | P. Vázquez

Luces, cámaras e… Nadal! O acendido da archifamosa iluminación natalicida de Vigo será este sábado 20 ás 20:30 diante da árbore, este ano tamén desplazada uns metros da Porta do Sol por mor das obras. A pesar de que se espera que sexa un evento de masas, o aforo permitido será de 3500 persoas. A zona cero estará dividida en sete parcelas de 500 persoas cada unha, que poderán desfrutar do acendido desde diferentes ángulos: Policarpo Sanz, Colón, Velázquez Moreno e Pontevedra. Por suposto, a zona estará ateigada de xente, polo que se desexas coller un bo sitio é recomendable que vaias con tempo polas rúas Colón e García Barbón. Se non consigues unha desas 3500 plazas, podes quedar pola zona para acceder máis tarde á arbore desde a rúa Policarpo Sanz e saír pola rúa Álvarez Blázquez. Con todo, a iluminación íntegra da cidade acenderase ao mesmo tempo, polo que podes gozala desde calquera punto da urbe. Tamén haberá pantallas en Vialia, García Barbón (á altura da caseta de Papá Noel) e Príncipe (diante do Marco) para ver o acto.

Malia o protagonismo da árbore o resto de elementos luminosos tamén se acenderán á mesma hora: a bola da Farola, o agasallo de Gran Vía-Urzáiz, o castelo de Policarpo Sanz ou o boneco de neve de García Barbón son os máis relevantes. Se todo vai ben, o sábado tamén abrirán ao público o Mercadillo Cíes Market na Alameda e as atraccións do Areal: a noria xigante, a rampa de neve, o tiovivo e demais aparellos. Dentro do Cíes Market, ademais de movernos entre neve artificial, tamén poderemos gozar da feira Ofeitoaman, un clásico da artesanía nestas datas. Outras zonas, como o Náutico ou Rosalía de Castro, gozarán tamén de diferentes atractivos, pero polo momento non teñen data de inicio confirmada. O carrusle da Porta do Sol comezará a funcionar este domingo.

O Belén da Casa das Artes tamén terá que esperar, en concreto unha semana. O sábado 27 abrirá as súas portas. Nos próximos días tamén teremos máis novas sobre o resto de actividades: tren infantil e bus turístico, pista de xeo e kart de Samil, inchables, circo de Nadal e exposición de dinosaurios en Coia, mercadiños no Calvario e Independencia… Agárdanos un Nadal movidiño, iso seguro.