10 días para gozar da literatura (e mercar moreas de libros)
Do 28 de xuño ao 7 de xullo volve a Feira do Libro ao centro de Vigo, na que é xa unha cita ineludible para os amantes da literatura. Repite ademais localización por terceiro ano consecutivo na Porta do Sol (ata entón tiña lugar na Alameda) un cambio que os libreiros celebraron xa que o novo emprazamento aporta maior visibilidade (e maiores ventas).
Porque aínda que esta é xa a edición cuadraxésimo cuarta da Feira, non está a vivir os seus mellores tempos, e lonxe queda a estampa dunha Alameda poboada con máis de trinta casetas. Este ano estarán presentes 13 bibliotecas, editoriais e librarías: Biblioteca Juan Compañel, Biblioteca Neira Vilas, Espacio do Lector Nobel Gran Vía, Moleiro Editor, Editorial Galaxia, Libraría Pedreira, Libraría Lafer, Libraría Cortizas, Libros para soñar, Librería Mendinho, Casa del Libro, Libraría Cartabón e Librouro.
En todo caso, a Feira está en plena recuperación en número de visitantes, e esperase superar tamén o número de actividades do pasado ano. Porque este non é só un estupendo lugar onde conseguir novos títulos, senón que sobre todo é unha oportunidade para conversar cos máis de 50 autores que se pasarán por alí e de participar nunha chea de actividades culturais como presentacións de libros, faladoiros, concertos, contacontos ou espectáculos infantís, ademais das clásicas firmas de libros, nas que estarán, entre moitos outros, Iago López, Jorge Lamas, Anaír Rodríguez, Fran Alonso, Ledicia Costas ou Henrique Dacosta.
O pistoletazo de saída darao o xoves 28 Manuel Bragado, ex director de Edicións Xerais, coa lectura do pregón, e entre as actividades máis orixinais salienta o paseo polo casco vello con Pedro Feijoo (autor de ‘Camiñar o Vigo vello’) nas tardes dos días 2, 3, e 4 de xullo.
*Cómpre confirmar os horarios das actividades, xa que pode haber modificacións de última hora.
Cristina Domínguez
Últimos posts de Cristina Domínguez (ver todos)
- Que comprar na Feira do Libro de Vigo? - 2 Xullo, 2018
- 10 días para gozar da literatura (e mercar moreas de libros) - 26 Xuño, 2018