REVISTA MARZO

Mercadiños a moreas esta fin de semana

O Nadal xa chegou á cidade e unha boa mostra delo (ademais das luces, a nora e a neve) é a infinidade de mercadiños que se organizan para fomentar as compras natalicias a artesáns, artistas ou comercios locais.

Imaxe do mercadiño La batidora organizado o ano pasado no Mercado do Progreso. | Bea Barros

Aos xa inaugurados mercados de O Calvario, Príncipe e a praza de Compostela (Cíes Market), onde podemos atopar unha ampla oferta gastronómica mesturada con postos de agasallos, súmanse outras alternativas. Este sábado celébrase unha nova edición de Bazares nos Bares, locais de ambiente nocturno abren as súas portas para acoller proxectos de auto-edición de moda, xoiería, ilustración… así como actividades infantís e gastronomía. Pero non só os bares da zona de Churruca prestan as súas instalacións para esta finalidade. O Bar Princesa na praza da Constitución e o Federal Bar en Pizarro tamén se van convertir nun local de compras nas xornadas do sábado e domingo respectivamente.

Se hai algo que destaca nesta gran oferta é o carácter solidario de moitos destes mercadiños. O Urban Market do Mercado do Progreso acollerá este sábado a festa anual da Asociación Lápices y colores, na que ademais de postos de artesanía poderemos gozar de diferentes actuacións musicais e infantís. Ese mesmo día, o centro deportivo Stetic Lab, situado na rúa Príncipe, ofrecerá todo tipo de artigos para os nosos amigos de catro patas, todo o recadado irá para diferentes protectoras e asociacións animais. Neste fío, tamén podemos acudir á terceira edición do Mercado Refrito de Simia Espacio onde ademais de ofertar roupa de segunda man haberá unha actuación solidaria a favor dunha protectora de animais.

Banner A Movidiña

Se pola contra, es máis de espazos grandes, o IFEVI acolle un mercado cun estilo diferente xa que neste caso serán as grandes marcas as que enchan o espazo ofrecendo grandes descontos.

Alternativas para todos os gustos nunha fin de semana marcada polas compras.

[add_eventon_el event_type_2=”22835″ number_of_months=”3″ sep_month=”no” ux_val=”4″ hide_empty_months=”yes” tiles=”yes” tile_bg=”1″ tile_style=”1″ tile_count=”3″]