Xulia Feixoo: “Interésame mostrar a inmensa riqueza do noso patrimonio inmaterial”
Percusionista e etnomusicóloga, Xulia Feixóo naceu en Vigo no 1987 e é Titulada Profesional en Percusión, Licenciada en Historia da Arte, na especialidade de Historia da Música, e Titulada Superior en Etnomusicoloxía. Froito das súas investigacións no eido da música tradicional e do patrimonio inmaterial, Feixoo reivindica moito o papel das mulleres, historicamente silenciadas. De entre os seus traballos destacan as publicacións Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro, e Concha do Canizo. Este pandeiro que toco, ambos en ACentral Folque, onde tamén podemos atopar a súa participación como coautora en Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral.
Vés de publicar Concha do Canizo. Este pandeiro que toco, no que falas dunha das mulleres pioneiras no pandeiro na Galiza, ao igual que Maruxa das Cortellas, á que xa presentaras nun libro anterior. Como xorde este proxecto de investigar sobre o pandeiro e sobre as mulleres que o tocaban?
Comecei a investigar sobre o pandeiro cadrado, o seu repertorio e as mulleres que o interpretaban aló polo ano 2014, cando iniciei o meu Traballo Fin de Estudos en Etnomusicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Xa daquelas me decatara de que o instrumento permitía contar múltiples historias sobre o noso patrimonio inmaterial, moitas delas protagonizadas por mulleres tan fascinantes coma Concha ou Maruxa. E nesas ando aínda hoxe.
Descríbenos brevemente a Concha e a Maruxa, quen foron estas mulleres?
Concha e Maruxa son dúas das últimas depositarias da tradición musical vencellada ao pandeiro cadrado no noso país. Mais non só iso. Elas foron dúas depositarias de luxo da nosa tradición musical, dúas intérpretes virtuosas deste instrumento senlleiro do noso patrimonio. A través das súas historias de vida e do repertorio que elas conservaron e enriqueceron coa súa mestría, hoxe podemos recoñecer dous estilos interpretativos moi importantes de pandeiro cadrado no país: o do interior da provincia de Pontevedra, e o da Terra das Frieiras.
Fálase moito ultimamente das mulleres que mantiveron a tradición e as raíces da nosa música. Delas soubeches tamén un pouco grazas ao labor de Xabier Díaz e Leni Pérez. Que fixeron eles e que achegas ti coa túa investigación?
Gústame moito pensar na investigación arredor das músicas de tradición oral do país coma un proceso colaborativo no que é moi importante o papel das informantes, das compiladoras e das investigadoras. Neste sentido, o traballo de Xabier Díaz, Leni Pérez e doutras tantas compiladoras (Guillerme Ignacio, Montse Rivera, Felisa Segade, Xose Lois Foxo, Miguel Souto, Fransy González, Xisco Feijóo, María Vidal, Pichi Abollado…) é capital. Eles apórtanme a súa experiencia no campo, o seu coñecemento profundo do repertorio e da tradición. Eu achego a miña visión analítica dos contextos e dos repertorios, o meu propio traballo de campo, o estudo das fontes documentais históricas e, tal vez o máis relevante, os meus propios plantexamentos conceptuais arredor do papel das músicas de tradición oral na sociedade contemporánea.
Na nosa idiosincrasia escoitamos falar moitísimo do legado dos gaiteiros, case sempre homes … Existe unha data, un momento concreto a partir do cal se comezou a ter en conta e a escoitar as voces das mulleres na Galiza?
No cambio do século XIX ao XX comezouse a fraguar o discurso do nacionalismo histórico, no cal houberon de se escoller aqueles elementos culturais e musicais que mellor representaran a nosa galeguidade, cun sesgo moi patriarcal. Houbo daquelas algúns instrumentos coma a gaita e algúns xéneros musicais coma os alalás que resultaron privilexiados e, por tanto, dominantes do discurso da nosa galeguidade. As mulleres, aínda que principais protagonistas da conservación e transmisión do noso patrimonio, ficaron á marxe. A musicoloxía do século XX centrouse no estudo daquelas manifestación musicais relacionadas con este discurso dominante: gaiteros senlleiros, cuartetos de gaitas, bandas de música, compositores… Non foi até a publicación do Cancioneiro Popular Galego no 1984, compilado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, cando se comezou a poñer o repertorio vocal acompañado de percusión e interpretado por mulleres no centro do debate etnomusicolóxico. Baixo o meu punto de vista, este traballo cambiou a dirección dos estudos sobre música vocal de tradición oral do país.
Elas tocaban en seráns e eventos populares, no medio case sempre de traballos diarios, pero moitos cantares tamén falan da represión da nosa lingua e do castrapo. Que máis podemos ver nestas cancións?
As cuartetas, que tamén coñecemos como coplas ou cantares, son un medio de expresión popular no que cabe toda a cosmovisión do noso pobo. Son unha forma literaria o suficientemente flexible como para recoller todos os sentimentos que puideran atravesar a unha persoa enculturada na nosa tradición. Hai coplas que falan de amores non correspondidos, da fachenda de pertencer á túa propia aldea, de oficios, de desexo sexual, da tristura pola perda dun ser querido, da alegría da xuventude, da loanza ao amo da labrada, do feas que eran as veciñas da aldea do lado … En fin, de todo!
O libro recolle a voz de Concha do Canizo, pero tamén a súa forma de falar, propia dunha zona concreta. O que queres é, entón, reivindicar os diversos trazos lingüísticos ou non é algo buscado?
Unha das cousas que máis me interesa mostrar cos meus traballos sobre música tradicional é a inmensa riqueza do noso patrimonio inmaterial. O principal vehículo de transmisión deste fráxil tesouro é o galego. Conforme vou percorrendo o territorio e falando coa xente de idade, coas miñas informantes, fágome máis e máis consciente da inmensa riqueza da nosa lingua. É algo fascinante. Si que intento recoller e divulgar os riscos lingüísticos das zonas nas que traballo porque, de certa maneira, forma parte da súa paisaxe sonora. Coido que é moi importante que coñezamos e convivamos coa diversidade, a tódolos niveis.
Ao final do libro inclúese tamén un disco con pezas que interpretaba Concha. Podes describirnos o seu estilo? Sobre que cantaba esta muller?
O estilo de Concha do Canizo é absolutamente virtuoso, puro encaixe de Camariñas. Co pandeiro interpreta ritmos moi complexos, cheos de golpes e matices, e todo isto faino case sen despegar as mans dun pandeiro pequeno e bastante ancho. Este xeito de tocar permitíalle cantar cunha voz moi colocadiña e ornamentada con moito gusto. Concha era a Pat Metheny do pandeiro cadrado.
Os libros baséanse en fontes orais (entrevistas, cancións) e escritas (investigacións, documentos…). Como se vinculan todos estes materiais?
O catalizador de todos os materiais cos que traballo, que adoitan ser moi heteroxéneos, sempre acaba sendo o relato sobre un tema principal (a historia de vida dunha intérprete, a paisaxe sonora dunha parroquia, a historia dun instrumento musical) do que se poden facer outras lecturas secundarias sobre o papel da música e do baile na nosa sociedade tradicional.
Os dous libros, tanto o de Concha como o de Maruxa, poden ser lidos por persoas expertas en música e por outras máis afeccionadas. De que forma se crea un contido divulgativo e ao tempo que profunde en aspectos técnicos como as formas dos pandeiros?
Sempre me propuxen como investigadora o reto de ter voz propia, de ser quen de facerlle chegar a todo tipo de públicos o meu discurso sen renunciar ao rigor científico. Creo que isto se acada potenciando as túas propias habilidades comunicativas, aínda que isto cuestione as formas ortodoxas da Academia. Eu son unha persoa moi retranqueira e dicharacheira e intento por tódolos medios transmitirlle aos demais a paixón que sinto pola investigación sobre a música tradicional. Cando a xente que vén ás miñas charlas, presentacións e conferencias bota un par de risadas ou mesmo cando len os meus libros coma se foran novelas penso: “misión cumprida”.
Hai uns anos que formas, xunto a Guillerme Ignacio Costa, o grupo ‘Arredor da tradición’, no que facedes recolleitas de música tradicional. Por que xurdiu e que máis tarefas levades a cabo para visibilizar a nosa música?
Guillerme e máis eu somos dúas persoas moi apaixoadas e comprometidas co noso patrimonio, e ‘Arredor da Tradición’ xurdiu para canalizar as nosas enerxías neste sentido. Ademais de ser un grupo de traballo adicado á compilación e á investigación da música tradicional, ‘Arredor da tradición’ permítenos volcar as nosas militancias con proxectos de divulgación moi fermosos e moi de base. Convídovos a entrar na nosa páxina de Facebook ou Instagram para curiosear no que facemos.
Actualmente, a raíz do éxito das Tanxugueiras, moitas nenas e nenos mostran interese por aprender a tocar a pandeireta ou a gaita. Cres que iso seguirá medrando ou que só é froito do momento?
Tanxugueiras déronnos unha oportunidade incrible para normalizar a nosa cultura dun xeito transversal. Nas nosas mans está que este movemento calle entre a rapazada.
En relación coa música tradicional, e buscando a súa visibilidade, nos últimos anos xermolan proxectos como Baiuca ou, como comentamos, as Tanxugueiras, que toman como base os nosos cantares para mesturalos con estilos como o dance ou o hip hop. Que pensas destas renovacións?
A tradición sempre foi e será sinónimo de contemporaneidade. Nada me fai máis feliz que ver a miles de persoas nun festival con gafas de sol e unha cervexa na man flipándoo mentres escoitan unha aña de Aboal mesturada con electrónica. De verdade, encántame.
Na actualidade van creándose espazos para a difusión e divulgación da nosa música tradicional, pero que faría falta, segundo ti, para que houbese unha eclosión?
Cando estudaba o Mestrado do Profesorado, Jorge Soto, un dos profesores da Universidade de Vigo, díxonos unha frase que me quedou gravada na memoria: só odiamos ó que tememos, e só tememos o descoñecido. Así que creo que o que lle falta ao país é unha administración desacomplexada, con autoestima cultural, que aposte por un sistema educativo público no que a rapazada poida aprender a amar a súa lingua e o seu patrimonio dende a Educación Infantil, sen prexuízos nin autoodios.
Estás traballando agora noutra investigación sobre algunha muller máis do estilo de Concha do Canizo ou Maruxa das Cortellas?
Agora mesmo estou comezando a miña tese de doutoramento, na que me pregunto de que forma o baile comunal (as foliadas, os seráns…) funciona coma unha manifestación cultural que xera unha rede de afectividades colectivas e vencellos co territorio e co patrimonio capaces de desafiar a lexitimidade do neoliberalismo dende a base. Vai ser un proxecto a medio prazo de certa envergadura que me vai ter bastante ocupada os vindeiros catro anos.
Esta sección é posible grazas á colaboración de Deleite
Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Redactora