CAMELIAS MASCOTAS

Xosé Luís Méndez Ferrín: «O primeiro que hai que facer é non avergonzarse de quen somos nin de onde vimos»

Unha das persoas que máis leva feito polas nosas letras nesta cidade é Xosé Luís Méndez Ferrín. Desde a súa Cátedra de Lingua e literatura Española no Instituto Santa Irene soubo espertar en moitos dos seus alumnos o sentimento de galeguidade que levaban dentro. Sentados nunha cafetería da avenida das Camelias, da que Méndez Ferrín é veciño, facemos un repaso a unha vida vencellada á literatura e á política, sempre en prol do galego, desde a clandestinidade ata o discurso público. Coma tantos vigueses, Ferrín ten orixe en Ourense, pero sen dúbida, é historia viva da nosa cidade.

Polo seu 80º aniversario, o ano pasado, rendéuselle homenaxe á súa traxectoria literaria e política. Hai algunha cousa que lle quedase por facer?

Moitísimas cousas. Nin sequera a miña vocación orixinal foi a de escritor ou filólogo, senón a de explorador, naturalista, viaxeiro… Todo iso, en parte, quedou sen facer. Pero frustración non hai ningunha.

Como se decantou pola dedicación ás letras?

Quixen estudar a carreira de Bioloxía, pero precisaba as matemáticas… Entón, en lugar de dedicarme aos insectos, que era o que me interesaba, dediqueime ás palabras, que son en parte como insectos, coas súas contas e as súas patas…

Foi detido tres veces por mor do seu activismo político. Agora, coa perspectiva dos anos, considera que mereceu a pena aquilo?

Si que mereceu a pena. Non me enorgullece e preferiría que non ocorrese, porque é moi desagradable, pero sinto que cumprín co que dicía que pensaba.

Vigo é un dos lugares de Galicia onde menos galego se fala…

Non o creo. É practicamente imposible atravesar a lonxa do Berbés á hora das poxas e á hora de chegada dos barcos sen que o galego se comporte como lingua maioritaria. No curro do Galiñeiro o difícil é oír castelán. O que pasa é que o galego non está entre as elites, o galego está entre o pobo.

E cre que está entre a mocidade?

Depende de cal mocidade. O galego vaise perdendo xeracionalmente, pero hai tamén un proceso contrario, de recuperación. Se non fose así eu non estaría falando en galego contigo e ti comigo sospeito que tampouco.

Moitas xeracións de vigueses pasaron polas súas aulas no IES Santa Irene. Que visión tiña da nosa lingua este seu alumnado?

Nunca vin actitudes adversas contra o galego. Falárano ou non o falaran, inimigos nunca os vin. Non había movementos españolistas nin fascistas.

Aínda que non exista un movemento contra o idioma propio por parte dos galegos, o feito de non falalo vai en contra del, ten que haber xente que o promova…

Ten que haber política que o promova. Se se deixa ao seu albor, téndense a considerar o galego como innecesario. Por que o vasco se recuperou? Porque o nacionalismo vasco está no poder autonómico. E en Cataluña igual, aínda tendo unha inmigración moi importante do resto de España. Hoxe en día a maioría dos membros da CUP teñen apelidos españois, casteláns ou andaluces… e falan catalán. A solución final pasa pola inmersión lingüística na escola, e non polo bilingüismo español-inglés, que emprega o inglés como un pretexto para desfacer o galego.

Esa inmersión lingüística en que consistiría?

En que ao neno que vai ao colexio, en lugar de ensinarlle aquilo de «Un elefante se balanceaba sobre la tela de una araña…», se lle cante «A saia da Carolina ten un lagarto pintado…». Que recen en galego nos colexios cristiáns. Recitar poesía de memoria en galego desde a infancia e que lle falen as matemáticas e a física en galego. Para iso fai falta un poder político galego que así o entenda.

Na súa opinión, non se está a facer o suficiente desde a política en favor da lingua?

Non. Galicia tivo a desgraza de non ser gobernada por nacionalistas. E todo o que se fixo a favor do galego foi como resposta a presións sociais. O galego é a lingua oficial dos sindicatos obreiros por esta orde de máis a menos: CUT, CIG, CCOO e UGT. Non é a lingua nin tan sequera ocasional da Confederación de Empresarios. O galego forma parte da loita de clases. O que defende o galego está na esquerda.

Daquela cre que se aquí houbese un nacionalismo de dereitas, como en Cataluña ou no País Vasco, o nacionalismo tampouco chegaría ao poder?

O mito do partido de dereitas e burgués en Cataluña acaba de estoupar como unha bomba. Cataluña é un estado revolucionario no que se ve que só as forzas populares e de masas poden manter unha situación de enfrontamento ao Estado español. En Euskadi, despois dunha loita armada de tantos anos e de tantos sacrificios, non creo que se poida falar de nacionalismo burgués. O Banco de Bilbao nunca foi nacionalista e o
cava Freixenet tampouco.

Nalgún momento lle xerou algunha contradición ser profesor de lingua castelá?

Non, ningunha. Tamén fun soldado de Franco, xurei a bandeira española, sentei armas de capitán general… O que pasa é que tiña unha actividade clandestina en contra do sistema. Considerábame un mercenario para poder vivir. De todas as maneiras, facía todo o posible para explicarlles aos alumnos como estaban as cousas.

Ten vostede dito que o galego na literatura goza de moi boa saúde…

Desde que morreu Camilo José Cela non aparece ningún escritor galego en castelán. Sen embargo, hai unha permanente renovación xeracional na literatura en expresión galega. A poesía galega, especialmente a feminina, nestes momentos dita tendencia, non só en España, senón tamén no Canadá ou nos Estados Unidos.

Vostede é un optimista…

Non, o que pasa é que o vin todo moito peor. Na miña xuventude moitas persoas non falaban en galego sabéndoo e sendo formadas en galego. Sufrimos un complexo de inferioridade tremendo, o complexo do colonizado. O primeiro que fai un colonizador é que o colonizado se avergonce de quen é. O primeiro que hai que facer é non avergonzarse de quen somos nin de onde vimos. Se eu non son galego e non canto Negra sombra no campo de fútbol, que son? Psicoloxicamente non é bo negar nada que levemos dentro.

Hai moita xente de base galegofalante que non se identifica co galego normativo.

Cando se normaliza unha lingua, obviamente, teñen que permanecer os dialectos as formas de falar locais, pero ten que haber unha lingua en común. Normalizar o galego era necesario para poder dar clases en galego, para poder facer un dicionario, facerinstancias, actas dos consellos municipais, leis…

Por outra banda están os reintegracionistas, que din que o galego e o portugués veñen sendo o mesmo.

Esa é unha tendencia moi minoritaria e moi pouco práctica. O galego e o portugués teñen unha orixe común, pero chegou un momento, no século XV, no que se separaron. O galego e o portugués seguen a parecerse moito no léxico e na morfoloxía, pero hai un abismo na pronuncia, e iso forzosamente ten que reflectirse na escrita. Entón ten que haber unha normativa diferente.

REVISTA NOVEMBRO

Que opina de Antón Fraguas como homenaxeado no Día das Letras deste ano?

Antón Fraguas foi un bo home. Un galeguista moi sentido e moi profundo. Pero desenvolveu as súas actividades en disciplinas nas que eu non son experto: arqueoloxía, etnografía, xeografía… Non é realmente un escritor, é un erudito. Eu son partidario de que o Día das Letras Galegas se lle dedique fundamentalmente a escritores, literatos o máis vivos posible. O cal non quere dicir que leven mortos moito tempo, pero que teñan algo que inquiete, non sempre ou necesariamente eruditos.

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Marzo. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.