CAMELIAS MASCOTAS

Rígido, xoiería sen fronteiras

Desde a súa sede na Coruña, Rígido crea xoias feitas a man que gañaron o recoñecemento de personalidades como Jessica Goicoechea, Kylie Jenner ou Rels B.

REVISTA NOVEMBRO

Os deseños de xoiería moderna de Rigido cobraron vida en 2020 coa premisa de dar pé a pezas sustentables e feitas á man. Apostando por unha completa produción local desde A Coruña, Carla Barral e Xavier González propoñen unha marca de longa duración grazas á calidade dos materiais, ao coidado na manufactura e á atemporalidade dos deseños. Cun tacto limpo baseado no minimalismo, os resultados son únicos e moi recoñecibles. É tan acertado o seu gusto que personalidades como Jessica Goicoechea, Kylie Jenner ou Rels B non dubidaron en asinar colaboracións con esta marca.

Esta empresa defende valores como as diversidades racial e sexual, elaborando xoias sen xénero, sen prexuízos nin fronteiras. Grazas ao uso de técnicas antigas de artesanía, Rigido acada innovación e orixinalidade nos seus aneis e pendentes de prata bañada en ouro de 18 quilates, pezas de formas futuristas con xemas de cores que outorgan unha presenza que brilla con luz propia.

@rigido.jewelry | rigidojewelry.com