Xa abertas as inscricións para participar no Galician Freaky Film Festival
Frikis de Vigo e arredores, a última semana de outubro chega a segunda edición do Galician Freaky Film Festival, un evento que xira en torno ao cinema, a serie B, o horteirismo oitenteiro e, por suposto, moito frikismo.
Tras o éxito da primeira edición, celebrada en decembro do 2017, volve con máis forza que nunca e con moitas novidades o Galician Freaky Film Festival (GFFF), que pretende converterse no festival de cinema de serie B referencia en Galicia. Vai ter lugar a última semana de outubro, e o período de inscrición estará aberto desde o 19 de xullo ata o 17 de setembro.
A principal novidade desta edición é, que ademais de exhibir as obras seleccionadas, estas competirán por un premio escollido a través dun xurado popular. Ademais, existirá unha nova categoría na que se exhibirán microcurtas feitas co propio teléfono móbil.
A única condición para poder enviar unha peza audiovisual é que esta sexa o suficientemente friki, xa que tanto o xénero (terror, fantástico, drama…) coma o formato (documental, ficción, animación…) son indiferentes. De feito, as obras poden ser nacionais ou internacionais, indistintamente.
A pesar de aceptar obras do estranxeiro, o obxectivo deste festival, que o ano pasado na súa Edición #0 xuntou a máis de 1.000 persoas nas súas actividades, é o de homenaxear a ese frikismo galego underground dos 80 e 90. O GFFF volve máis ambicioso e máis friki ca nunca.