Volve o tobogán xigante a Navia polo II Festimáis Solidario
Este sábado 1 de xuño o barrio de Navia vai encherse de deporte, solidariedade e quilos de comida para doar ao Banco de Alimentos grazas a unha nova edición do Festimáis Solidario, impulsado polo centro deportivo Máis que Auga. Haberá multitude de masterclasses, actividades para crianzas, música, festa de escuma e un tobogán de 120 metros.
Desde o Máis que Auga continúan coa súa labor solidaria con este II Festimáis Solidario, no que para acudir só precisas inscribirte previamente nalgunha das súas sedes e doar alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos (4kg non socios e 2kg socios). Despois do éxito da edición anterior, para este sábado agardan que acudan unhas mil persoas. Se o ano pasado xuntaron a 120 persoas nunha clase de zumba, este pretenden facer o mesmo pero coa clase de bicicleta estática indoor, onde haberá unha pantalla xigante con retransmisión en directo.
Esta festa do deporte alongarase das nove da mañá ás nove da noite con actividades de todo tipo e para todas as idades. A primeira actividade será a andaina, tanto a normal como a familiar, que durará entre unha ou dúas horas e media, dependendo da modalidade. Mentres as crianzas se divirten na zona de talleres, inchábeis e na ludoteca, o resto de participantes poderán asistir ás clases de body pump, aquagym (tamén con modalidade familiar), wodfit, ciclo indoor de bicicleta, body combat, hipopresivos, taekwondo ou zumba. Todo isto só pola mañá.
Como festival familiar que é, o Festimáis ten programadas moitas actividades dirixidas ao pequenos e pequenas da casa, como os títeres Alakrán, pintacaras, manualidades, o Pallaso Popín, o concerto de Uxía Lambona e a banda molona e a festa da escuma, apta para todos os públicos e perfecta para despedir a xornada. Durante todo o festival estará dispoñible o gran tobogán de 120 metros que xa visitara o barrio fai un par de anos e que tanto gustou á veciñanza. Por suposto, o festival está aberto tanto a persoas socias como non socias do Máis que Auga.