CAMELIAS MASCOTAS

Volve o teatro a Vigo este outono

O concello anuncia a programación de artes escénicas para a tempada de outono no auditorio municipal, na que haberá 55 funcións de 31 compañías, 10 delas reprogramadas da tempada de primavera e que non puideron celebrarse ata o de agora. A programación, que terá lugar todos os venres, sábados e domingos a partir do 25 de setembro, inclúe espectáculos de teatro, danza, humor e circo para pequenos e maiores.

Momento de Jauría, peza baseada no caso de la manada, da compañía Teatro Kamikaze

Xa coñecemos a programación de artes escénicas municipal para a tempada de outono, que estará marcada por un estrito protocolo de seguridade sanitaria para garantir o benestar de público e traballadores. A medida máis notable é a redución da capacidade das funcións: se o auditorio ten un aforo de 285 persoas, só se ocuparán 83 das butacas. No caso de funcións infantís, poderán acceder ata 20 adultos coas súas crianzas. Ademais recoméndase o uso de máscaras aos maiores de 3 anos, ainda que só será obrigatorio a partir dos 6. O auditorio contará con xel hidroalcólico e non estarán dispoñibles os programas impresos, só poderá consultarse telemáticamente. Do mesmo xeito, recoméndase a compra de entradas a través de internet, que estarán dispoñibles a partir do 2 de setembro en EventBrite. O prezo dos espectáculos varía entre os 5 e os 10 €.

Como é habitual, o programa Vigocultura dará comezo cunha actuación na Rúa do Príncipe que neste caso serán os monicreques de Javi Tirado co seu espectáculo Nada , seguido do espectáculo de rúa Flux, de Zanguango Teatro. Isto será o 25 e 26 de setembro. A partir desa data, o auditorio acollerá actuacións para adultos todos os venres e sábados ata o 13 de decembro e espectáculos infantís todos os domingos.

REVISTA NOVEMBRO

As compañías e o Concello fixeron un esforzo para encadrar as actuacións previstas para primavera, que non puideron ter lugar por mor da covid, polo que no último trimestre do ano celebraranse ambas tempadas simultáneamente. Así, poderemos ver pezas como Jauría ,de El Pavón Teatro Kamikaze; Lambetadas, de Talía Teatro; O Mel Non Caduca, de Ibuprofeno Teatro;Y ahora qué? ,De Cía. Puntocero; Medida x Medida de Shakespeare ,de Producións Teatrais Excéntricas; Olivia y las Plumas ,de La Machina Teatro; Alma (non é hippie) ,de Verticalia Colectivo ; Médula da Compañá Exire; Catro de Caramuxo Teatro e Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva de Olivas negras. Para estas funcións non son válidas as entradas de primavera, cuxo importe xa foi devolto ás persoas que as adquiriron online; aquelas que as compraron presencialmente en Discos Elepé poden pasar pola tenda ata o 30 de setembro a recoller os seus cartos.

En canto á presenza de compañías viguesas, contamos tres espectáculos: Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva ,da compañía Olivas Negras; Feminísssimas, de De Ste Xeito Producciones e O Fiandón de Teatro Aforo . As tres son ademais estreas mundiais.

Tamén haberá espazo para as xiras internacionais. Un ano máis, o humor dos madrileños Yllana visitará Vigo. Nesta ocasión traerá o espectáculo The opera locos, que vén de recibir o premio Max ao mellor Espectáculo musical. Dentro dos internacionais, tamén se contará coa presenza de tres compañías portuguesas.