CAMELIAS MASCOTAS

Volve o Record Store Day a Elepé, Honky Tonk e Pick Up

Este sábado 13 de abril terá lugar a nivel nacional o coñecido como Record Store Day ou o Día das Tendas de Discos, no que estas propoñen sorteos, edicións especiais ou picadiscos durante toda a xornada. En Vigo serán tres as que participen: Discos Elepé, Honky Tonk e Pick Up.

REVISTA NOVEMBRO
Discos Elepé leva 40 anos apostando pola música en formato físico | Pablo V.

A idea orixinal de Record Store Day foi concibida por Chris Brown, e fundada en 2007 por Eric Levin, Michael Kurtz, Carrie Colliton, Amy Dorfman, Don Van Cleave e Brian Poehner como unha celebración da cultura protagonizada polas tendas de discos independentes de EEUU. Todas as tendas únense cos artistas para celebrar a arte da música.

Metallica comezou oficialmente o Record Store Day na tenda de discos Rasputín de San Francisco o 19 de abril de 2008 e desde entón o RSD celébrase o segundo sábado de cada mes de abril a nivel mundial. Desde o ano 2011 vénse celebrando oficialmente en España, onde foi crecendo tanto no número de tendas participantes, como en afluencia de público, implicación dos selos discográficos e repercusión en xeral.

Na nosa cidade son tres as tendas que se unen a esta celebración: a mítica Discos Elepé (que o mes que vén cumprirá 40 anos), Honky Tonk e Pick Up. A primeira sorteará un equipo de son de época, que poderás conseguir coas participacións que che darán por cada 10€ de compra. En Honky Tonk estarán de picadiscos DJ Estiel, Kino L-Cobra, DJ Olon, CJ Chan, Mr. Ortís e Star Rider Dj, ademais de contar edicións especiais para este día. Por último, tamén poderemos mercar edicións especiais en Pick Up ao ritmo da música que nos brindarán Dummy Records e Tortuga Pincha.