Vinte anos do Nunca Máis
N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha das obras de teatro coas que o grupo Chévere está a celebrar o 35.º aniversario. Hai máis dun ano da estrea, pero outra efeméride, neste caso tráxica, fai que a peza estea máis vixente que nunca. O 13 de novembro de 2002 o petroleiro Prestige, un buque monocasco que contiña 77.000 toneladas de fuel pesado, naufragou a 50 quilómetros da Costa da Morte, acabando por afundirse seis días despois a 130 millas da costa (pouco máis de 200 quilómetros). A marea negra estendeuse por todo o litoral galego, chegando a alcanzar as costas de Portugal, do País Vasco ou de Francia. Esta traxedia medioambiental trouxo consigo outra de carácter político. Comentaba o daquela delegado do Goberno en Galicia, Arsenio Fernández de Mesa: «Así, a ollo, o Prestige verteu unhas 3.000 ou 4.000 toneladas de petróleo», cando as peritaxes falaban de máis de 50.000 toneladas. Vinte anos despois, diversas personalidades dos eidos da cultura e da información encárganse de que o acontecido non caia no esquecemento.
A finais do mes pasado publicouse Chapapote, unha obra conxunta asinada por unha ducia de algunhas das mellores voces do xornalismo galego editada por Libros del K.O. A coordinación e a edición correu a cargo de Xosé Manuel Pereiro, que este mes reedita coa Editorial Galaxia unha revisión do libro Prestige. Tal como foi, tal como fomos, que asinou hai dez anos. O xornalista monfortino lembra que aquel fatídico día os titulares estaban ocupados con outra triste nova: dúas señoras morreron a causa dunha derruba ao caer un guindastre por mor de fortes ventos no centro da Coruña; o contrapeso da estrutura esnaquizou o balcón e as dúas mulleres caeron ao baleiro desde un cuarto andar na céntrica rúa Real da cidade herculina. Falábase dun barco en apuros na nosa costa, «pero barcos en apuros hai unha chea deles», apostila Pereiro.
O vigués Fernando González «Gonzo», que traballaba daquela na emisora de Radio Nacional de España en Lugo, coincide co devandito compañeiro: «Foi á mañá seguinte, ao ver os informativos, cando pensei: “hostia, xa estamos nela”. Falaban de que o barco estaba a poucas millas da costa e que en Muxía cheiraba a gas», recorda. Ademais de participar cun capítulo no libro Chapapote sobre o tratamento deste feito nos medios, preparou dúas reportaxes sobre esta temática dentro do programa de televisión Salvados, en La Sexta, previstas para emisión os domingos 6 e 13 deste mes, coincidindo a segunda entrega co aniversario da traxedia.
Deron a volta ao mundo as escenas de centos de voluntarios chegando ás costas vestidos de branco para saíren delas cubertos de negro. Un dos retratistas destas imaxes foi o fotógrafo vigués José Luis Abalo, cuxas instantáneas se acompañan de escritos da man de algún dos nomes máis salientables da literatura galega en Prestige. 20 voces, 20 anos (Galaxia). «As dúas primeiras semanas despois do accidente non se me ocorreu facer nada sobre iso, xa había imaxes dabondo na televisión e nos xornais. Despois decateime de que os voluntarios sempre saían como unha masa de xente, e eu quixen poñerlles rostro», explica. Realizou un total de 624 retratos dunha única toma, tendo unha tea negra como pano de fondo, en varios puntos de Galicia.
Todos eles destacan unha única cousa boa desta catástrofe: o movemento social que xurdiu ao abeiro do lema de Nunca Máis. «Coa chea de casos de corrupción que houbo sempre, parece mentira que fose unha mala xestión, e non un roubo manifesto, o que provocase toda esta unión», opina Pereiro, que ademais achaca a esta revolución social o feito de que os votos da dereita e da esquerda se equilibrasen por primeira vez na historia democrática de Galicia. Gonzo fala dun espertar colectivo: «A revolta social colleu por sorpresa aos gobernantes. Esquecémonos do que nos separaba para centrarnos nun inimigo común, que non se limitaba ao barco, senón que se trataba de políticos e algúns medios de comunicación». Abalo bota en falta esa cohesión a día de hoxe: «Xa non hai Prestige, pero están pasando outras moitas cousas que necesitarían este tipo de mobilización. Esquecemos moi rapidamente», lamenta.
Os tres profesionais plasmaron un mesmo feito de xeitos diferentes: a través do papel, da televisión ou do carrete fotográfico. Este tipo de situacións ofrecen imaxes impresionantes e historias cheas de emoción, pero non sempre é fácil chegar a elas. No caso de Abalo, non houbo ningunha dificultade engadida, pois todos os voluntarios agás dous (que declinaron a proposta amablemente) accederon a ser retratados. «A resposta foi magnífica», rememora. Ao ver estas imaxes tanto tempo despois, o fotógrafo non pode sentir máis que emoción: «Lembro cada momento, cada día. Eu vía o esforzo desas persoas que cada media hora tiñan que quitar o traxe, que arrincalo, porque aquilo estaba feito magas».
«Ordenar os recordos foi a dificultade máis grande que atopei á hora de escribir Prestige. Tal como foi, tal como fomos. Nesta revisión manteño o mesmo punto de vista, pero nestoutros dez anos aconteceron moitas cousas, como o xuízo e a sentenza», explica Xosé Manuel Pereiro, director e cofundador da revista Luzes. Baixo a coordinación de Pereiro estivo Gonzo, que non mostrou reparos en redactar un texto sobre o aspecto mediático do Prestige: «Houbo moita tese de doutoramento e moito traballo académico sobre esta materia, polo que o meu máis ben foi un labor de documentación e de chamar a compañeiros. Iso si, o cabreo ao escribir é o mesmo que hai vinte anos», comenta. Porén, a dobre entrega de Salvados, que conta na realización co tamén vigués Rafa de los Arcos, non foi unha tarefa doada: «Pasou o mesmo que hai dúas décadas: por parte do Goberno só veu falar o ferrolán José Luis López-Sors, representante estatal no banco dos acusados. Nin Mariano Rajoy nin Francisco Álvarez-Cascos nin ningún ministro accederon a participar». Outra das sorpresas que atopou o xornalista foi o presunto pasamento do capitán do buque, Apostolos Mangouras, nado o 30 de novembro de 1934 en Icaria (Grecia): «Ninguén puido demostrar isto con documentación oficial. Hai unha sensación rara, como de querer seguir ocultando a verdade tras dúas décadas. O certo é que isto non rematou», sentencia Gonzo. Mesmo tanto tempo despois, é difícil non ver todo negro.
TRABALLOS ARREDOR DOS VINTE ANOS DO PRESTIGE:
Audio
Chapapote: la mancha del Prestige, podcast de Manu Tornillo (guión) e Manuel Burque (locución) (SER Podcast). Pode escoitarse aquí.
Prestige, cuando el mar se quedó mudo, podcast presentado por Ana Pardo de Vera e producido por La Máquina Blanda Producciones. Catro capítulos emitidos por Carne Cruda a partir do venres 11. Escoitar aquí.
Prestige, de Sonora. Documental sonoro dispoñible en galego e castelán, estrea o martes 8 en sonora.com. Escoitar aquí.
Audiovisual
Alegría, de Luis Otero (Urco Producións e Ecoloxistas en Acción). Presentación en Vigo o domingo 13 na praza do Berbés e proxección na Sala Rebullón o venres 18 ás 21 h.
Salvados (temporada 16, programas 8 e 9), de Gonzo (presentación) e Rafa de los Arcos (realización) (La Sexta). Emisión de senllas reportaxes os domingos 6 e 13. Pode verse aquí.
Literatura
Cando choraron as Cíes, de Santi Domínguez (Editorial Galaxia)
Chapapote, de Xosé Manuel Pereiro (coord.) (Libros del K.O.)
Prestige. 20 voces, 20 anos, de José Luis Abalo (fotógrafo) e outros (Editorial Galaxia)
Prestige. Tal como foi, tal como fomos (revisión), de Xosé Manuel Pereiro (Editorial Galaxia)
Teatro
N.E.V.E.R.M.O.R.E., de Chévere (Chévere e Centro Dramático Nacional). Este mes, con funcións do venres 11 ao domingo 13 en Santiago de Compostela e o sábado 19 en Vimianzo.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024