REVISTA NADAL

Villa Rolendis: arroces e artesanía á beira da ría de Arousa

Os puntos fortes de Villa Rolendis son a especialización en arroces de peixe e marisco e a localización ribeirá, coa auga do mar chegando ao o muro da casa cando sobe a marea. Ademais de ofrecer unha cociña elaborada tamén é un bo sitio para tomar algo na terraza de xeito informal.

Fabián cun dos arroces que sirven en Villa Rolendis | Fotos: Pablo Vázquez

Escapamos ata O Grove para gozar dun xantar con vistas á Illa da Toxa en Villa Rolendis, unha casa de comidas con 42 anos de historia que está a vivir unha segunda xuventude pola man de Fabián Pérez, fillo dos donos orixinais. A carta é curta, con pratos recoñecibles e varios xiros orixinais. Sentamos nunha mesa do gran salón acristalado e a casa convídanos a un hummus caseiro con pan torrado e mais un cóctel de benvida, con ou sen alcohol. Primeiro eliximos a ensalada de polbo con mango e aguacate, fresca e doce, cunha textura cremosa e o sabor mariño do cefalópodo; e mais as voandeiras con cebola acaramelada e xamón. Na minuta tamén atopamos polbo á grella con hummus, carpaccio de gamba con froitos secos e perlas de lima, e unha filloa negra con mexillóns e queixo de cabra.

Como prato principal pódese elixir entre dous pratos de peixe e dous de carne, que cambian ao longo do ano segundo a temporada, e a especialidade da casa: os arroces. Decantámonos por un arroz negro con bacallau, berberechos, mexillóns e emulsión de allada. Un prato que que se serve en paella, co grosor xusto para acaramelar lixeiramente a base e formar o cobizado socarrat, con lascas de peixe e bivalvos apañados a poucos metros de onde os estamos a degustar; a emulsión de allada deixa nalgúns bocados un intenso e orixinal sabor ao aceite de oliva. Deixamos para próximas visitas o arroz con verduras e améndoas, o de peixe sapo e voandeiras ou o de gamba con carpaccio e mollo de alga Codium.

Chegado o momento da sobremesa, Fabián recoméndanos a torta de queixo con curry, unha combinación inusual que resulta tan exótica como gorentosa, cunha marmelada de froitos vermellos que pon o punto acedo. Todo isto regado cunha refrescante sangría de albariño preparada no local.

Cando Fabián colleu a remuda do restaurante familiar hai oito anos, modernizou a carta e a decoración. Elementos mariñeiros e mobiliario antigo conviven con mesas de cores estridentes e murais de Raffaella Carrà, sen roubar protagonismo ás espectaculares vistas que se divisan tanto desde a sala principal como desde as dúas terrazas ao aire libre. «Somos un local LGBT», explica o responsable, que viste unha camiseta de Britney Spears ao igual que os demais compañeiros de sala. Non era dificil de adiviñar, pois na porta ondea a bandeira do Orgullo. Tan singular estética complétase cunha tenda de artesanía que atravesa o local, onde atopamos pezas de cerámica e téxtiles de marcas galegas. E ollo, permítese a entrada de mascotas.

Villa Rolendis estende o horario na temporada estival, cunha xornada ininterrompida horario desde a mañá, cunha carta variada de almorzos caseiros, ata a medianoite. Nestas noites de verán presta degustar un cóctel na privilexiada terraza, especialmente os xoves, cando se organizan concertos na zona exterior para acompañar a agradable brisa mareira.

Lugar: Avenida do Tenente Domínguez , 51 (O Grove)
Distancia desde Vigo: 70 quilómetros
Prezo: 35,00 € por persoa (aprox.)
Arredores a visitar: a illa da Toxa, a praia da Lanzada, o sendeiro de Pedras Negras…
Información e reservas: 986 73 08 66 | villarolendis.es | @villarolendis

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.