CAMELIAS MASCOTAS

‘Vigo, cidade vagalume’ por Manuel Bragado

A imaxe que proxecta unha cidade é un compoñente esencial da súa identidade e un referente para a súa cidadanía. Unha proxección que no caso de Vigo foi mudando ao longo das décadas ao compás das que se foron producindo na alcaldía. Daquel Vigo obreiro dos 70 e 80, da reconversión naval e dos luns ao sol, a cidade estrépito de Méndez Ferrín, o Vigo da movida de Siniestro Total e Golpes Bajos, pasamos ao Vigo charramangueiro, sobreiluminado da dinosebe e do Alfageme na rotonda, unha cidade vagalume, un novo Lepe, como o definiu Caín, o  Colectivo de Admiradorxs da Iluminación Natalicia.

REVISTA NOVEMBRO

Certo é que cada alcaldía democrática quixo deixar a súa impronta. Manuel Soto fixo do Vigo revolcado de Xela Arias, o Vigo de Ascón e da queima de vitrasas, unha cidade das esculturas, colocando no mesmo ano (1991) catro pezas extraordinarias noutros tantos espazos emblemáticos: o Sereo de Leiro na Porta do Sol, os Cabalos de Oliveira na Praza de España, a Porta do Atlántico de Rivas nas Travesas e os Redeiros, de Conde no comezo da Gran Vía. Pezas de arte contemporánea galega capaces de mudar o espazo urbano e converterse en iconas do Vigo da fin de século. Carlos Príncipe quixo facer de Vigo unha cidade de museos competindo cos doutras cidades euroatlánticas. Durante o seu mandato xestáronse os proxectos de tres museos financiados con fondos europeos: o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo na rúa do Príncipe; o Museo do Mar de Galicia, no matadoiro municipal de Alcabre, e o Verbum, Casa das Palabras, en Samil. Tres pezas valiosas que despois dunha década ou non se consolidaron ou son cuestionadas. Coa alcaldía de Lois P. Castrillo iniciouse o proxecto do Auditorio Mar de Vigo, coa intención de situar a Vigo á altura das cidades da música, como Porto, Santiago e A Coruña. Angueira que quedou en auga de castañas, xa que os resultados artísticos, polo momento, foron discretos e, tras a quebra da concesionaria, os económicos ruinosos.

Vigo nunca contou con políticas culturais públicas capaces de enxergar dúas décadas e solucionar lacras como o seu déficit bibliotecario ou proporcionar continuidade á programación de festivais e exposicións, algunhas tan relevantes como a Fotobienal ou o Marisquiño, sumido tras o accidente na incerteza. Cando se anuncia unha gran Biblioteca nas Travesas e unha factoría cultural na Panificadora, cómpre lembrar que Vigo precisa un proxecto cultural estratéxico, deseñado coa participación dos sectores e colectivos culturais e xestionado con criterios  profesionais. É tempo  de superar a política cultural das ocorrencias das alcaldías. A pesar da sobreiluminación de Nadal, outro Vigo das artes e das letras, continúa sendo posible.

Por Manuel Bragado
Mestre e editor

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Decembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]