CAMELIAS MASCOTAS

Vida e morte dun grande do cine español

Foi fundamental -e fundacional- na historia do cine español, que tería sido outra ben distinta de borrarse o nome de Cesáreo González (Vigo, 1903-Madrid, 1968), nacido nunha modesta familia da ourensán Nogueira de Ramuín, que por fame e gañas de aventura, viaxou a Cuba de polisón -vivía as noites de La Habana nas timbas de póker- e máis tarde a México, onde rexentou a panadería do seu tío e casou cunha curmá, ata regresar a Vigo e montar a mítica cafetería Savoy, levar o concesionario Citroën, e mesmo presidir o Celta en 1935 ou a Federación galega de fútbol nos anos corenta, pois militaba na Falanxe e iso levouno a ter excelentes relacións coa xerarquía franquista, ata comentarse que tiña porta aberta no pazo de El Pardo, porta que remataría pechando a señora de El Caudillo, Carmen Polo, molesta co Cesáreo por mullereiro, pois gabábase de ter ao máis selecto do cine daquela.

REVISTA NOVEMBRO

Comezou investindo uns miles de pesetas en 1940, en El famoso Carballeira -como pago a unha débeda da produtora-, de ambiente e rodaxe en Galicia. Decontado, aínda en Vigo, creou Suevia Films que tiña por símbolo a bandeira da cidade ondeando sobre a ría desde o monte da Guía, e na que colaborará o seu irmán Arturo, xunto a outros galegos. Vaise a Madrid e finca a produtora na Gran Vía, e xa nos anos cincuenta liderará o sector, mirado en particular ao mercado latinoamericano. Os mellores actores e actrices, e os máis prestixiosos directores traballarán para el en máis de 150 películas, que Suevia estrea en boa parte seguindo o glamuroso modelo de Hollywood. Foi así como en 1953 fixo un gran acontecemento social da apertura na cidade do Gran Hotel, con asistencia de moitos rostros populares.

Non ven ao caso citar nomes nin anotar os seus grandes éxitos, que son abondo coñecidos, pero suliñemos que promoveu a gallegada en varios títulos rodados en Galicia, como o exitazo Botón de ancla en 1947, e outras como Mar abierto, Sabela de Cambados ou El Pórtico de la Gloria. O seu pasamento tivo un aquel berlanguiano -cóntao o director Isasi Isasmendi nas súas memorias-, cunha ampla comitiva fúnebre e moito famoseo, emprendendo viaxe pola antiga Nacional -cando daquela levaba horas…- mentres as calores da recente primavera, obrigaban á comitiva a parar nas pousadas da estrada, mentres o cadáver de Cesáreo agardaba ao sol, nun aparatoso coche fúnebre. Mandara levantar en Pereiró un mausoleo igualado ao de outros prohomes de Vigo, salientado cun relevo co Descendemento da Cruz. Un remate á altura do persoeiro.

M. Anxo Fernández
Doutor en Comunicación, profesor na UVigo e crítico de cine.