Vialia acolle as batallas de bandas do concurso SalvaxeSons
O escenario exterior do centro comercial Vialia acolléra as cinco batallas musicais do SalvaxeSons, o concurso de bandas que organiza o festival The Wild Fest por segundo ano. As actuacións terán lugar todos os venres de maio (agás as Letras Galegas) e o primeiro de xuño.
O festival de música, cinema e natureza The Wild Fest, que celebrará a súa sexta edición entre o 30 de agosto e o 1 de setembro no Parque Forestal de San Miguel de Oia, pechou este luns 8 de abril as inscricións para participar na segunda edición do SalvaxeSons, o concurso de bandas que organizan por segundo ano consecutivo. Nunhas poucas semanas, tras a deliberación do xurado formado por Roberto Penas, Alfredo Dourado e o xonralista de A Movida Pablo Vázquez, coñeceremos as bandas escollidas para participar nos duelos que terán lugar en maio e xuño no escenario do centro comercial Vialia.
Este cambio de ubicación é unha das novidades desta segunda edición, xa que o ano pasado estes concertos celebráronse en Cañaveral. Tamén os premios en metálico aumentaron a súa contía, chegando aos 1600 euros. Unha vez seleccionadas as dez bandas participantes, enfrontaranse en duelos por parellas os días 3,10, 24, 31 de maio e 7 de xuño no escenario exterior de Vialia. Se a climatoloxía non acompaña, as actuacións terán lugar no escenario interior.
De cada unha destas batallas sairá un artista gañador, escollido tanto polo voto do público como do xurado. As cinco bandas que pasen de ronda actuarán o venres 30 de agosto, onde o xurado escollerá ao vencedor definitivo, que actuará o día seguinte abrindo a xornada de concertos. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un premio en metálico de 1000€, 400€ e 200€ respectivamente, e as dez bandas clasificadas para os “duelos” terán acceso gratuíto a The Wild Fest durante toda a fin de semana.
Na primeira edición chegaron á final os artistas Abrigo, Carla Lourdes, Blue Merrow, The Mob Swing e The Mirror, saíndo vencedores estes últimos.