VIALIA
bannerPicnicSesions

‘Ventanas’ para airear a rúa de publicidade

Este venres 24 ás 19h preséntase no espazo A Madriña (Churruca, 10) a mostra e o fanzine Ventanas, para o que 22 artistas locais encheron diferentes valos publicitarios da cidade coas súas obras. O proxecto foi ideado e comisariado por Maz e Rade, dous inquedos creadores locais cos que falamos xusto antes do evento. O fanzine xa se pode mercar na web de escapistas.org

Maz e Rade coñecéronse estudando Belas Artes en Pontevedra e ambos comezaron a encher as paredes das rúas coa súa creatividade entre os anos 2006 e 2008. A raíz desta actividade naceu neles un interese xenuíno na arte en xeral, o que polo de agora estalles a reportar grandes satisfaccións no persoal pero non tanto no económico: “agora mesmo só perdemos cartos”, coinciden.

REVISTA ABRIL

O proxecto Ventanas consiste “en abrir espazos na rúa, interactuar co que hai fóra, crear imaxes e aproveitar os soportes”, neste caso os mupis, que é o nome que reciben estes valos verticais que atopamos nas rúas, semellantes ás marquesinas das paradas de bus. Ao longo de dúas semanas escolleron 22 deles para quitar os abusivos e tan frecuentes anuncios comerciais e substituílos por obras de arte local: “a xente está tan acostumada aos mupis que pasan desapercibidos”, comenta Rade. “Ninguén nos preguntou aos cidadáns se os queremos aí e en que nos beneficia, e a resposta é obvia: en nada”, conclúe Maz.

Entón, se a Administración propuxese un proxecto similar, participarían? “Se o Concello nos cedese mupis sería unha evolución, abririase un debate nese sentido e, dependendo das condicións, sería algo interesante”.  O principal problema que atoparon nesta aventura foi a COVID, xa que a idea era realizala en marzo, xusto na fin de semana na que comezou a cuarentena. A escolla dos mupiEs en cuestión non foi nin moito menos aleatoria: ademais dos que quedaban mellor nas fotos, loxicamente, só utilizaron os que no seu interior contiñan publicidade de marcas, e non os adicados a fins sociais. Preguntados se tiveron algún problema á hora de abrilos e realizar o cambio, Maz recoñece que “levamos tantos anos facéndoo que parecemos traballadores da empresa”.

O fanzine pode atoparse en escapistas.org cunha tirada dun centenar de exemplares, a un prezo de 10€. Escapistas é una editorial independente lanzada por un colectivo de artistas amigos co fin de autoproducir e distribuír a súa obra. Como proxecto futuro, Rade comenta irónico que “poder vivir disto, como sempre”. Aínda que Maz non quixo opinar demasiado sobre a iniciativa Vigo Cidade de Cor, pensa que “os artistas de Vigo están totalmente infravalorados polo Concello: non hai axudas, nin soportes nin espazos. Á EMAO estanlle a facer bullying, tiraron co festival No Tengo Mamá… É moi difícil facer cousas en Vigo. Non pedimos que axuden, pero que non molesten”.

24xul19:00Presentación 'VENTANAS'ARTE E MUSEOS | De balde19:00(GMT+02:00) A Madriña Asociados

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.