REVISTA ABRIL

Vancubic, un xeito único de camperizar

Desde Beade, Iván Bastero e Jordán Díaz crearon Vancubic, unha empresa única en Europa que ofrece un método singular á hora de camperizar unha furgoneta, servíndose dun sistema de módulos desmontable.

Iván e Jordán nunha feira en Madrid | Cedida

Era o ano 2019 cando un amigo lle comentou que quería camperizar unha furgalla que tiña, e así foi como a Iván Bastero se lle ocorreu a idea de crear un módulo que se puidese quitar e poñer, para evitar danar un vehículo que andaba bastante malparado. Ao outro ano, o complicado 2020, xa tiña un primeiro prototipo; en 2021 patentouno e pouco despois entrou no proxecto Jordán Díaz para dar pé á creación de Vancubic. O sistema desta empresa, na que traballan cinco persoas, non ten parangón en España e é practicamente único en Europa.

Desde Beade, este profesionais desenvolveron unha técnica innovadora para calquera vehículo L2H2 ou superior, é dicir, esas furgonetas grandes dabondo como para estar de pé no interior; isto conségueno mediante un par de módulos que se poden acoplar ou desacoplar nunha hora. As principais vantaxes deste sistema son dúas: intercalar o traballo e o lecer nun mesmo vehículo e poder aproveitar o sistema á hora de querer usar outra furgoneta. Grazas a un método de ancoraxe mediante lingas, o vehículo non precisa ser homologado, pois non vai aparafusado e considérase como carga.

REVISTA ABRIL

A camperización consta dun sistema de dous módulos: o primeiro inclúe a cociña e o baño, e o segundo o salón-dormitorio. Outro dos beneficios deste concepto por partes é que, segundo as necesidades do cliente, pódese instalar unicamente un dos módulos e, se no futuro fose preciso, ampliar a instalación. Por exemplo: se habitualmente imos a cámpings, talvez non precisemos instalar unha ducha na furgoneta; ou se non temos fillos, igual podemos obviar a liteira superior, que pode ser individual ou dobre. A neveira, a enerxía eléctrica ou os depósitos de auga son outras das partes que poden variar segundo a demanda. E non fai falta deixar o vehículo no taller durante semanas ou meses, xa que o equipo de Vancubic traballa de xeito independente no módulo, para que a cousa sexa chegar e encher.

Cada cubículo está deseñado milimetricamente para aproveitar o espazo ao máximo, con caixóns polivalentes e elementos pregables. Os acabados son moi estéticos e de moita calidade: tarima no chan, mobles modernos, sofá-cama confortable, billas elegantes, mesa de madeira… A porta corredoira de cristal na parte traseira é outro dos puntos fortes que ofrece este xeito tan propio de camperizar, xa que permite a entrada de moita luz natural, mesmo coa porta pechada cando a climatoloxía non acompaña. Tanto na web como en redes sociais, Vancubic ofrece multitude de vídeos explicando o funcionamento e todas as vantaxes que ofrece o seu sistema singular sistema.

vancubic.com | hola@vancubic.com | 613 63 92 37 | @vancubic

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.