CAMELIAS MASCOTAS

Unha rede de ciclovías e a recuperación do Castro as propostas expostas en Vigo Reformulado

Mañá último día para poder achegarse á exposición Vigo Reformulado no Instituto Camões. A mostra recolle as propostas de intervención na cidade de Vigo de dous estudantes de mestrado Integrado de Arquitectura e Urbanismo da escola EsGallaecia. Os traballos expostos consisten no desenvolvemento dunha rede de ciclovías no centro urbano e a recuperación do Monte do Castro como espazo de lecer para os vigueses.

Rede de Ciclovías – Alexandre Mouriño

A proposta de Alexandre Mouriño consiste nunha rede carrís bici pechada que vertebra todo o centro urbano da cidade. No seu traballo desmonta a teoría de que as condicións topográficas de Vigo fan imposible o moverse en bicicleta e propón unha rede que evita circular por viais con pendentes maiores do 5% (agás excepcións indicadas en tramos moi curtos). Para o desenvolvemento do proxecto Mouriño entrevistou a persoas que empregan a bicicleta de forma habitual e concluíu que pese as preconcepcións existentes a pendente non é o factor decisivo á hora de escoller a ruta, senón poder circular por rutas seguras, cómodas e directas.

A proposta de Alexandre tivo tan boa aceptación que na actualidade o Concello de Vigo está a implementar parte do seu proxecto. O vigués agarda que a intervención do goberno local se vaia ampliando pouco a pouco e vaia acompañada de políticas que promovan e garantan o uso da bicicleta. A educación, concienciación e promoción do uso da bicicleta como medio de transporte é imprescindible para que o proxecto funcione.

REVISTA NOVEMBRO

 

O Castro: Valor e intervención – Enrique Urdiales

Enrique Urdiales centrou o proxecto na recuperación dun dos espazos máis emblemáticos da cidade: O monte do Castro. O obxectivo é devolverlle o protagonismo que tivo outrora e convertelo nun área dinámica.

A proposta de Urdiales pasa por establecer novos accesos ao parque a través de sistemas automáticos: ascensores e autobús autónomo que faciliten aos viandantes salvar o forte desnivel. Estes sistemas serán cosidos ao teixido de sendeiros existente cunha pasarela aérea que serpentea entre as árbores achegando aos viandantes á natureza e descubríndolle novas vistas. Tamén contempla á redistribución dos equipamentos existentes e a creación de novas áreas deportivas que sirvan para atraer a máis público. O vigués tamén contempla a recuperación dos trazados orixinais da fortaleza renacentista e cambios na flora do monte para recuperar as vistas orixinais e a súa presenza como cumio dende calquera punto da cidade. Por último propón a peatonalización do entorno para potenciar o seu valor social e turístico.

(GMT+01:00) Instituto Camões