Tres días de frikismo e gamberrismo no GFFF
A semana que vén volve o Galician Freaky Film Festival coa súa 2ª edición, o festival máis gamberro da cidade. A sala Videodrome do Progreso encherase de cine de todo tipo, decoracións bizarras, exposicións, concertos e moito frikismo do xoves 24 ao sábado 26 de outubro.
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Ao longo de tres días amosará unha insólita selección de pezas audiovisuais que soen verse privadas das canles habituais de distribución. O festival é máis ca un simple acontecemento cinematográfico, sendo as proxeccións de películas o epicentro de festas, concertos, exposición e actividades.
Preto de 40 filmes nacionais e internacionais chegados dende Rusia, Bélxica, México ou Países Baixos conformarán unha sección oficial escollida entre case 200 propostas. “Hai pezas que veñen de Sitges ou de Nocturna que son a primeira vez que se verán en Galicia ” comentou Juan De Castro, director do certame, na rolda de prensa de presentación.
A inauguración correrá a cargo de Caspervek Ensamble que musicalizará en directo Nosferatu, unha sinfonía do horror, o gran clásico expresionista do mestre F.W. Murnau e todo un referente do cinema de chupasangues o xoves 24 ás 19:30. Acto seguido proxectaranse dous bloques de curtas: Co cu torcido quedo e Animación Freak.
O venres 25 será unha xornada de frikismo intenso con varios pases diferentes agrupados por xéneros nos que se poderá gozar e rir a cholón no Serán de Humor Freak Vol. 1, tratar de explicar o inexplicable na sesión Que carallo é isto? ou chorar, berrar e ata abrazarse ó do lado na Noite de arrepío.
Xa o sábado 26 chegará o momento do Serán de Humor Freak Vol. 2 e unha cita que promete as delicias dos máis fanáticos o Frikismo do país sesión na que se proxectarán esas obras que máis entenden a filosofía do frikismo autóctono galego. Para rematar, trala entrega de premios, chegará o momento do concerto de Los Pontiaks que dará paso ó desenfreo e o despiporre da festa de clausura que rematará cando o ordenen as autoridades.
Ademais de todas as proxección, os tres días estará dispoñible a exposición de Alberto Hortas, o máximo referente en canto a maquillaxe e efectos especiais de Galicia. O venres a partir das 20:00 estará na sala Videodrome para presentar a expo e para ofrecer unha demostración das súas habilidades. A sala, decorada polo especialista en efectos Ricardo Spencer, recreará a nave Nostromo do filme Alien, el octavo pasajero.
Outras das novidades deste ano é que as entradas van por día e non por bloque de curtas. Desta forma, se non tes o abono, poderás gozar de todas as curtas de cada día por 5€. A inauguración e a clausura custarán 7€ e 5€ (anticipada), respectivamente.