Tres días de xornadas, un contacontos e un recital de poesía para o 8M

Desde a Concellería de Igualdade de Vigo teñen organizadas unhas serie de actividades do 8 ao 18 de marzo para celebrar o 8M, o Día Internacional da Muller. Un total de 10 eventos para reivindicar a presenza das mulleres en todos os eidos da sociedade e da cultura que se desenvolverán en liña a través de ZOOM.

“Visibilizando a desigualdade. Reclamando os nosos dereitos” é o título escollido polo Consello Municipal da Muller para agrupar o programa de actos con motivo da conmemoración do 8 de marzo e que este ano, seguindo as recomendacións sanitarias, desenvolveranse en liña a través de Youtube e Zoom. O programa arrinca coa celebración do Pleno virtual municipal da muller, que será retransmitido en aberto e en directo a través da canle de Youtube IgualdadeVigo a partir das 10.00h do 8 de marzo.

Xa de cheo nas xornadas, o martes 9 de marzo ás 17.15h Liliana Freijeiro, psicóloga e representante da Asociación FARAXA pola abolición da prostitución ofrecerá a presentación “A realidade da prostitución en Galicia. Unha aproximación dende Vigo”. A partir das 18.15 do mesmo día será o turno da Asociación MUDEGA e “Profesións do deporte. Somos as mulleres unha materia pendente?”. O mércores 10 Miguel Llorente, médico e ex Delegado do goberno para a violencia de xénero, falará a partir das 17.00h de “Violencia de xénero en tempos de pandemia: entre virus e maltratadores”. Ás 18.00h, Ana Ojea, profesora e responsable do programa de atención á diversidade no IES Politécnico de Vigo, emitirá a charla “Visibilidade das mulleres LBTIQ no ensino: percorrido imprescindible cara á igualdade” e a economista e activista Carme Castro intervirá ás 18.00h con “Avanzamos cara á corresponsabilidade?. O novo marco da lei de equiparación dos permisos por nacemento”. O terceiro e último día de xornadas contará coas intervencións “Os coidados, novos desafíos dende o feminismo”, pola politóloga Priscila T. Retamozo, a partir das 17.00h, e “Migrando ás fronteiras dixitais: prostitución 2.0”, pola escritora e documentalista Mabel Lozano, a partir das 18.00h.

Alén das charlas, o martes 16 de marzo está programada a Contada de igualdade Ernestina Otero, a cargo de Polo Correo do Vento. A actividade está pensada para nenas e nenos a partir de 4 anos e contará con intérprete en lingua de signos.

O mércores 17 de marzo, tamén a través de Zoom, María Casar realizará unha visita guiada á ruta en feminino “Sons de muller”, a partir das 18.00h e o xoves 18 a poeta Iolanda Zúñiga pechará a programación cun recital aberto de poesía con enfoque de xénero.

As persoas interesadas en incribirse nas xornadas formativas deben enviar o formulario específico de inscrición (en arquivo adxunto en formato editable) ao enderezo electrónico: xornadas.igualdade@vigo.org. As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das outras actividades (contacontos, visita guiada á ruta “Sons de Mulleres”, ou recital aberto de poesía de xénero) deben enviar o formulario específico desta inscrición (en arquivo adxunto en formato editable) ao enderezo electrónico: ofi.muller@vigo.org

X