CAMELIAS MASCOTAS

Touriñán: “En Somos Criminais tamén haberá Fariña

A vindeira fin de semana X.Antonio Touriñán e Carlos Blanco presentan no Teatro García Barbón o seu espectáculo ‘Somos Criminais’, no que falarán de crimes tan galegos como mover os marcos, queimar os restrollos ou o narcotráfico. Falamos con Touriñán, que tras dar vida a Paquito Charlín vai sobrado na arte de delinquir.

Es un criminal?

Polo que contamos no espectáculo seguro que si. E polo que me di a xente tamén. Para ben e para mal. Páranme moito pola rúa para dicirme ‘joe Touriñán, es criminal’, no sentido de ‘te sales’. E por outra parte, o que estea libre de pecado que tire a primeira pedra. Eu algo de criminal tamén son, non podo dicir como porque senón virían a por min, pero santo, santo tampouco son.

Despois de verte interpretando a Paquito Charlín costa menos imaxinarte coma criminal…

Aínda que eu lle quero moito ao personaxe, a verdade que Paquito é bastante criminal o tipo. Non hai por onde collelo.

Tocouche interpretar a unha das personaxes máis violentas da serie, foi difícil para ti que estás máis acostumado a ter papeis cómicos?

Parecíame moi difícil cando fixen o casting. Eu prepareino a conciencia e fíxeno para que me colleran. Pero eu tamén tiña ese preconcepto de actor cómico sobre min. Unha vez que decidiron que eu podía dar ese perfil, moi contento e feliz de facer algo distinto ao que fago habitualmente.

“Paquito Charlín chegoume a dar asco a min mesmo”

Satisfeito co resultado?

A verdade que quedei moi contento porque chegou a darme un pouco de asquito o tipo. É toda unha sensación que che faga sentir iso un personaxe que creaches ti.

Temos os galegos unha arte propia para delinquir?

Temos uns crimes moi propios: desde mover un marco, a queimar o monte sen permiso, sulfatar sen carné, mover as uralitas… E temos un xeito propio de executalos.

Como describirías ese xeito?

Os galegos parecemos calmadiños, aguantamos, aguantamos, aguantamos pero cando estoupamos… coidado con nós! Na obra imos vendo diferentes tipos de crimes e como actuariamos os galegos neses casos.

Carlos Blanco é o outro 50% da obra, como foi traballar con el no teatro?

É un regalo poder traballar cun dos grandes humoristas deste país. Foi moi divertido e moi fácil, entendémonos moi ben dende o principio.

Mellor que traballar con el na tele?

É moi diferente porque en Fariña pouco coincidimos en secuencias. Só temos xuntos algunha secuencia colectiva, entón non se pode dicir que traballara con el directamente no audiovisual. Aquí é o 100% do tempo traballando man a man e é un pracer, foi todo moi sinxelo. ‘Somos Criminais’ nace dun texto de José Prieto pero que traballamos os tres en conxunto dende o inicio, despois Carlos e eu á hora de polo no escenario aínda lle damos os nosos toques.

“Somos Criminais volverá a Vigo no outono”

Tedes algún proxecto de volver a traballar xuntos?

Polo momento estamos inmersos nisto que acaba, como quen di, de comezar. Levamos mes e medio e quédanos outro tanto ata finais de xuño. No outono volveremos a darlle outra volta porque quedou un montón de xente sen entradas e volveremos a estar polos mesmos lugares e nalgún novo. A idea é que dure polo menos ata o primeiro trimestre de 2019.

Con que te quedas ti coa tele ou co teatro?

O bonito desta profesión é que te dá a oportunidade de traballar nos tres lugares: tele, teatro e cine. É moi difícil escoller, si que podo dicir que a min me gusta moito traballar en directo diante do público.

“Encántame saber de antemán que o teatro estará cheo”

Fai semanas que as entradas están esgotadas para os catro pases en Vigo. Sentes presión?

Sempre hai esa presión de non decepcionar pero tamén é moi chulo. A min encántame saber de antemán que o teatro vai estar cheo, iso é unha marabilla.

A estrea da obra coincidiu con Fariña na tele credes que ten algo que ver no éxito que está tendo?

REVISTA NOVEMBRO

Estaban postas as datas da xira antes de que se soubese cando se ía emitir Fariña, que se adiantou polo tema do libro. Pero, estou seguro de que agora a xente ten aínda máis ganas de ver a estes dous criminais a ver que fan e a ver se falan algo de fariña.

E haberá algo de fariña no show?

Si, hai unha parte do espectáculo na que falamos de fariña. Do narcotráfico, porque tamén é un delito moi noso.

(GMT+01:00) Teatro Afundación


(GMT+01:00) Teatro Afundación

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.