REVISTA ABRIL

Todas as novidades do GFFF, o evento máis friki do ano

Xa coñecemos todas as novidades desta primeira edición do Galician Freaky Film Festival, o evento local friki referencia. Case corenta filmes, dous concertos, DJ, exposicións, cervexa propia e ata un aplausómetro serán algunhas das cousas coas que gozaremos do xoves ao sábado da semana que vén.

Tras unha existosa Edición #0, que desde a organización confesan que non lle puxeron #1 por se era un fracaso, chega esta primeira edición do GFFF para converter a Vigo na capital mundial do frikismo. O evento terá lugar do xoves 25 ao sábado 27 na Sala Videdrome do Mercado do Progeso (entrada por Velázquez Moreno).

Un total de 38 filmes serán proxectados nesta sala ao longo dos tres días, e todos eles, salvo un, competirán polo galardón de Mellor Película. Esta obra que non entra en concurso é nin máis nin menos que Kung Fury (2015), de David Sandberg, un mediometraxe sueco de estética oitenteira que se converteu nun clásico instantáneo por dereito propio.  

O resto de curtas serán escollidas a través dun curioso sitema: un aplausómetro. O xurado popular, ou sexa, os asistentes ás proxeccións, elixirán o filme gañador a través da forza dos seus aplausos ao rematar cada peza. Un sistema de votación do máis friki, e divertido.

REVISTA ABRIL

As curtas estarán divididas en bloques segundo a súa temática ou lugar de orixe. Así, contamos con dous volumes de Humor Freak, unha Noite de Ciencia Ficción, outra de Arrepío, tamén haberá Frikismo do País, unha Sesión Typical Spanish e, por último, a International Freak Session. Cada bloque ten un custo de 2€ e unha duración entre 50 e 80 minutos.

A inauguración, que terá un custe de 4€, será o xoves 25 ás 21:00 e estará musicalizada pola actuación de Joao Tomba, o lexendario músico vigués que ocupa o corpo de Indy Tumbita. Despois do seu concerto terá lugar a sesión Typical Spanish. A clausura será o sábado ás 23:00, co concerto do dúo Alféizar e unha festa posterior, todo por 5€.

Todas as actividades terán lugar na Sala Videodrome, situada no Mercado do Progreso e á que se accede pola rúa Velázquez Moreno. Este espazo, creado ad hoc para a ocasión, estará decorado para o evento, e no interior atoparemos dúas máquinas arcade dos 80, para facer as delicias dos gamers máis nostálxicos, e a exposición de Josef Méndez, un debuxante cunha filia aos debuxos terroríficos e monstruosos. O GFFF contará cunha cervexa propia e homónima, cortesía da marca Nós. O venres pola noite, para poñer fin a unha tarde de frikismo, pinchada do DJ Home Elefante na propia sala para mover os esqueletos. Para coñecer máis info sobre cada curta, visitade a súa web

(GMT+01:00) Sala Videodrome


(GMT+01:00) Sala Videodrome


(GMT+01:00) Sala Videodrome

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.