UVIGO
FILLOAS

Todas as actividades do Nadal vigués

Desde o Concello están a preparar unha chea de actividades para este Nadal máis aló da iluminación. Un total de 23 concertos, 114 recorridos do bus turístico, 17 probas deportivas, unha vintena de actuacións variadas, mercadillos, exposicións, contacontos, panxoliñas e un longo etcétera.

Non é nada novo, pero o Nadal está a pisar con forza en Vigo. O Concello busca transformar estas festas tradicionais nun evento moderno, mediático e turístico.
Para conseguilo, están a organizar unha morea de actividades para este mes que entra, aínda que as protagonistas seguen a ser as luces e adornos.

Falando da iluminación, cada día ás 19:00, 20:00 e 21:00 haberá un espectáculo acústico-visual na árbore da Porta do Sol. Ademais, haberá tres rutas distintas (ás 18:30, 19:30 e 20:30) no autobús turístico, de aproximadamente unha hora, con saída desde Policarpo Sanz. Nelas percorreranse as diferentes rúas da cidade, unha forma perfecta de apreciar a iluminación nas diferentes zonas de Vigo.

Moitos serán os concertos neste mes de decembro: Herdeiras (4), Orquestra Clásica de Vigo (29), Orquestra Sinfónica 430/Symphonic Aysedeniz (14), Concerto de música Sacra (co órgano restaurado da Concatedral, o 21), Víctor Manuel (14), Niña Pastori (22), tributos a Tina Turner (26) e ABBA (29), MITIC (28) ou a Orquestra de Cateura (28), entre outros.

Ademais da pista e rampla de xeo do Náutico, tamén haberá unha pista de patinaxe en Samil a partir do 5 de decembro. Tamén en Samil terá lugar unha pista de karts, dispoñible a partir da mesma data. Continuando cos deportes, algunhas das probas que atoparemos este mes serán a Carreira Solidaria Nocturna (1), Bicirutas (6), IV Invasión Celeste (8), III Gala UNICEF de Patinaxe (15), Torneo de nadal de fútbol (26-29) ou a mítica San Silvestre (31).

Outros eventos, atraccións e atractivos destas datas serán o carrusel, o tren do Nadal, o Belén Veneciano da Casa das Artes, o Poboado de Nadal na Casa Galega da Cultura, a Casa de Papá Noel, o flashmob (23), o café solidario (22), a Papanoelada (22), pasarrúas das Rondallas da cidade (22) a maxia de Jorge Lorenzo (23), as exposicións do MARCO (Metrópole e Pantoque), a animación na rúa, contacontos na Biblioteca Juan Compañel, o Parque do Nadal no Auditorio Mar de Vigo (26-30) e os mercados de Príncipe e O Calvario.

Para a chegada do aninovo está programada a xa tradicional festa de Fin de Ano das Travesas coas 12 uvas, música e fogos de artificio. E o día 5 de xaneiro a cidade recibirá aos Reis Magos que desfilarán a partir das 18 horas desde Isaac Peral ata a Porta do Sol.

CAMELIAS NADAL

O que está claro de todo isto é que se quedas na casa este Nadal é porque queres.