Música, circo, deporte e arte para vivir The Wild Fest en familia
The Wild Fest aprograma música, contacontos, circo, escalada, pintura e actividades deportivas na natureza para público miúdo. O festival celébrase entre o 8 e o 10 de xullo no Parque Forestal de San Miguel de Oia e ten os abonos á venda, con entrada gratuíta para os menores de 14 anos.
The Wild Fest aposta un ano máis por unha programación atractiva para todas as idades e amplía as actividades dirixidas a público familiar cun obradoiro de circo e dous de escalada que se suman ao de pintura e os espectáculos musicais. Ademais, o 3 de xullo, terá lugar a Xacobeo Wild Race, unha carreira de obstáculos que, por primeiro ano, terá modaldade infantil. Para promover a asistencia de público miúdo, a entrada será gratuíta ata os 14 anos.
O ambiente familiar en The Wild Fest é un dos aspectos máis coidados pola organización do festival e nunca faltan as actuacións dirixidas a público infantil. Este ano, os encargados de facer rir á rapazada serán Peter Punk e Brais das Hortas o sábado, un dúo irreverente que combina circo e música con grandes doses de comedia; e Cé Orquestra Pantasma, o domingo, unha orquestra completa interpretada por un só home, César Freiría. Tamén o domingo haberá unha sesión de contacontos con Miguel Anxo Alonso Diz, escritor de literatura infantil que acaba de publicar O país da choiva. Se queredes coñecer o cartel para adultos vos falaos del neste artigo.
Ademais, as sesións vermú de A Roda e de Blues do País están pensadas para ser desfrutadas por asistentes
de todas as idades. O mesmo ocorre coas proxeccións de cinema mediambiental de The Wild Cinema e outras actividades como a andaina ou a orientación que procuran reunir a un público interxeneracional.
A carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race incorpora por primeiro ano unha modalidade infantil: a Pequerace, unha proba deportiva inspirada na de adultos e especialmente deseñada para cativos. Poderán participar nenos de entre 4 e 12 anos, que se realizará nun circuíto de 300 metros con 10 obstáculos. A inscrición pode realizarse nesta ligazón elixindo un tramo de idade: de 4 a 7 anos, que darán unha vola ao percorrido; ou de 8 a 12 anos, que darán dúas voltas.
Outra novidade desta cuarta edición é a actividade The Wild Circus na que os pequenos terán a oportunidade de amarrarse, trepar e colgarse das teas aéreas experimentando a impresionante sensación de estar a flotar. Será o sábado de 15 a 18h.
Entre as actividades que repiten atopamos o obradoiro de escalada, para o que se instalará un pequeno rocódromo e se ampliarán horarios dada a alta demanda que tivo a actividade a pasada edición. Estará impartido por Javier Rodríguez Fernández, membro do Clube de Escalada dos Montañeiros Celtas. Tamén atoparemos de novo o obradoiro de pintura e pintacaras impartido por Sara Iglesias.