The Jayhawks, Lúa Mosquetera e Festival TAC esta fin de semana en Vigo
Unha fin de semana máis as salas e rúas viguesas ofrécenos multitude de plans como concertos, humor, andainas e poesía. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
TAC! Festival de Arquitectura Urbana – Todos os días na Porta do Sol – De balde
Unha gran escultura inspirada nas bateas e as artes de pesca preside desde hoxe a Porta do Sol. Ademais deste proxecto, titulado Qué faena(r)!, o TAC! programa multitude de actividades ao longo de xuño e xullo. A maioría non están relacionadas coa arquitectura, pero haberá roteiros, concertos, pasarrúas, charlas, danza, actividades infantís, obradoiros para maiores, xogos de mesa, etc. Preme aquí para consultar toda a programación.
PRESENTACIÓN DO CS A NUBEIRA – Venres de 19:00 a 24:00 en Tinta Negra e Kominsky – 5,00 €
Presentación oficial do proxecto CS A Nubeira, un centro social autoxestionado que está a traballar para impulsar demandas sociais e actividades culturais. A xornada comezará ás 19:00, cun bingo a cargo de Petra Porter no Tinta Negra. A partir das 21:00 comezarán os concertos na Kominsky, cos grupos vigueses Karracho, Green Poison e Flying Stool (con entrada de 5,00 €). Estes darán paso, ás 23:30, ás sesións das DJ LVLX, Nahgga e Sofiestas.
NURIA VIL E LÚA MOSQUETERA – Venres ás 20:00 na Asociación Cultural Évame Oroza – De balde
A asociación Évame Oroza organiza o festival de poesía Máis Alto que o Ceo que celebra seis sesións ao longo de xuño e xullo. Este sábado os recitais son a cargo das poetas Nuria Vil e Lúa Mosquetera.
MONÓLOGO DE MIGUEL LAGO – Venres ás 21:00 no Teatro García Barbón – Desde 16,00 €
O cómico chega a Vigo co seu novo espectáculo unipersoal, Lago Comedy Club, un Comedy Club ao estilo dos grandes clubs de Broadway e no que cada función é única pola interacción co público.
PEDALADA E VERMÚ TRANSMARICABOLLERO – Sábado ás 11:30 na Asociación Nós Mesmas – De balde
Percorrido en bici e vermú con actuación musical dentro do programa do Orgullo Crítico LGBTI+.
VERMÚ SWING ON – Sábado ás 12:00 en A Morada – De balde
A escola celebra unha festa de fin de curso aberta a todas as persoas que se queiran achegar. Contarán con actuación do Coro Swing dirixido por Rubén Fernández e festa swing con DJs para celebrar un ano cheo de lindy hop, de jazz, de amizade e de boas vibras.
THE JAYHAWKS – Sábado ás 21:00 no Auditorio Mar de Vigo – 40,00 €
Cunha traxectoria musical que abarca décadas, a banda estadounidense The Jayhawks gañou un lugar especial no corazón dos amantes do rock alternativo e o country. Esta fin de rsemana poderemos velos dentro do Festival Terraceo, onde estarán presentando o seu último álbum, “XOXO”, aclamado pola crítica e os fans por igual, consolidando a súa posición como unha das bandas máis influentes na escena musical actual.
NOVO FEST – Sábado ás 16:00 na Sala Rebullón – Desde 14,00 €
Festival multidisciplinar para dar visibilidade a diferentes artistas, onde bailaremos, veremos e desfrutaremos das artes. A partir das 16:00 h actuarán Michu da Roch, Niño de Harpías, Vloom, Dientes, Hexenon, Dj. Adri Máquina e Cochinita Pibil.
II ANDAINA CONTRA O CANCRO MONTE MAÚXO – Domingo ás 10:30 en Coruxo – 11,50 €
Andaina circular de oito quilómetros para todos los públicos con saída desde a explanada da Capela de San Sebastián de Fragoselo (Coruxo). O obxectivo desta carreira benéfica, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro de Vigo, é recadar fondos para seguir acompañando ás persoas que están pasando por un proceso oncolóxico e destinar eses fondos á investigación en cancro.
ROTEIRO BEIRAMAR DA XENTE – Domingo ás 11:00 desde Alfageme – De balde
Dende a plataforma Beiramar Da Xente, convocan á cidadanía de Vigo e comarca a un roteiro reivindicativo desde a factoría Alfageme de Bouzas ata o auditorio Mar de Vigo. Durante o paseo daranse a coñecer algúns dos fitos e elementos máis representativos do patrimonio industrial da nosa cidade e colocaranse placas informativas nalgúns dos inmobles máis destacados do percorrido, como as antigas fábricas de Alfageme, Cardama, Cerqueira, Barreras, Fribesa e Frigodis.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024