The Hole X: de buraco en buraco
The Hole X chega á nosa cidade no seo dunha xira estatal coa que a produtora e promotora de espectáculos LetsGo Company celebra o décimo aniversario do espectáculo que iniciou a saga The Hole, froito da colaboración entre LetsGo, a compañía de teatro Yllana e o actor, director e produtor Paco León.
The Hole X mantén a esencia orixinal e aderézase con novos e impresionantes números circenses, stripteases e acrobacias aéreas, mantense a presenza dos personaxes máis icónicos e o humor descarado do que a firma sempre fixo gala. O novo espectáculo represéntase no Teatro Afundación do 16 ao 19 de febreiro
Un espectáculo do talle de The Hole X non sería posible sen uns mestres de cerimonias á altura, como o cuarteto formado por Álex O’Dogherty —que ademais é o responsable da adaptación dos textos—, Eva Isanta, Canco Rodríguez e Victor Palmero. Encabeza o elenco Vinila von Bismark no papel da Generala. O’Dogerthy dirixe o espectáculo canda Gabriel Chamé, mentres que Guillermo Weickert é o coreógrafo, Marc Álvarez o director musical, José Luis Sixto Rodríguez o axudante de dirección. Vinila exerce como directora residente.
Se en algo se especializa este espectáculo para adultos que non deixa indiferente a ninguén, é en deixar andar á solta o que os responsables denominan canalleo, algo que se deu en converter nun xénero en si mesmo, unha mestura de burlesque, cabaré, circo e rock, baixo a premisa de estar no buraco para saír del. Un «buraco» —ou boquete, como lle chama a Generala— polo que pasaron dous millóns e medio de espectadores ao longo de máis de dez anos pasando polos escenarios de España, Alemaña, Francia, Italia, Arxentina e México. The Hole chegou en 2011 para revolucionar a carteleira internacional, angueira prolongada pola secuela The Hole 2 e a precuela The Hole Zero. Con The Hole X o clásico volve máis provocador que nunca.
Data e hora: xoves 16, ás 20:30 h; venres 17 e sábado 18, ás 18:30 e ás 22:00 h; domingo 19, ás 18:00 h // Lugar: Teatro Afundación // Entradas: desde 20,00 € en theholeshow.com // @Theholeshow