CAMELIAS MASCOTAS

Tesouros reais: a oitenta quilómetros da Terra Santa

Santiago de Compostela é a única parada en España da exposición internacional Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, unha mostra composta por doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos á igrexa do Santo Sepulcro en Xerusalén. Tras o seu paso por Lisboa, agora pode visitarse ata o 2 de agosto no Museo Centro Gaiás, grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

REVISTA NOVEMBRO

No ano 313, coa promulgación do Edicto de Milán, o emperador Constantino I o Grande concedeu aos cristiáns a liberdade de culto no Imperio Romano, permitindo que o Cristianismo se volvese progresivamente unha relixión de Estado. A tradición que identificaba os lugares do calvario e do sepulcro de Cristo levou a Helena de Constantinopla, nai de Constantino I, a visitar a Terra Santa en 326, dando orixe á construción da basílica do Santo Sepulcro. Este e outros templos convertéronse en destino de numerosos peregrinos europeos que, especialmente a partir do século XIV, foron acollidos polos frades da Orde de San Francisco. Esta exposición amosa pezas únicas de incalculable valor que foron custodiadas durante máis de 800 anos, desde a chegada dos franciscanos a Palestina, e que raramente puideron ser vistas polo gran público.

Filipe II de España, Lois XIV de Francia, Xoán V de Portugal, Carlos III de España ou María Tareixa de Austria e Borbón foron algúns dos soberanos que enviaron recursos materiais e financeiros destinados ao sustento das igrexas e comunidades católicas de Xerusalén, como aceite, bálsamos, cera, especias, moedas de ouro, perfumes, té… Ademais de notables producións de arte europea, incluíndo obras de produción téxtil, ourivería ou mobiliario para a celebración do culto e a ornamentación dos espazos relixiosos. Xerusalén considerábase como unha especie de teatro onde as coroas exhibían as súas ofrendas, como proxección da súa devoción e tamén do seu poder, conferindo á Terra Santa o título de «Teatro do Mundo».

A estrela de prata que sinala o lugar de nacemento de Xesús, as copas dos Reis Magos ou unha maqueta fabricada en madeira da igrexa do Santo Sepulcro son algunhas das pezas que podemos ver en exclusiva ao longo do mes de xullo a uns oitenta quilómetros de Vigo. Na súa estadía en Galicia, a exposición complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras de institucións galegas, como o Museo da Terra Santa do Convento de San Francisco ou o Museo das Peregrinacións e de Santiago; e tamén de fóra de Galicia, como o lisboeta Museo Calouste Gulbenkian. O proxecto achégase así ao nexo que vencella tres grandes capitais de peregrinación: Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.