Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade
Vigo conta cunha nova proposta gastronómica: Tea Talk. Esta cafetería especializada na bebida taiwanesa bubble tea abriu as súas portas no centro da cidade, ofrecendo unha ampla variedade de grolos personalizables, diferentes e divertidos.
Detrás deste proxecto atópase Lelé, un apaixonado do bubble tea que, xunto á súa muller, decidiu traer a Vigo a mesma experiencia que gozaban no Porto. “Cada vez que iamos, pediamos varias bebidas para levar porque é o máis rico que probams nunca”, confesa Lelé, quen decidiu dar o salto e abrir a súa propia franquía na Ronda de Don Bosco, a poucos metros da Rúa do Príncipe.
O bubble tea, tamén coñecido como té de burbullas, é unha bebida taiwanesa que se popularizou en todo o mundo nos últimos anos. A súa orixe remóntase á década de 1980, cando un vendedor de té en Taiwan decidiu mesturar té con tapioca, creando unha bebida con diferentes texturas, que pode consumirse fría ou quente. A partir da idea de engadir anacos xelatinosos na bebida, en Tea Talk engades múltiples posibilidades coas que xogar e crear cada día unha bebida diferente.
A carta de Tea Talk é realmente ampla. Como base, pódese elixir entre té, té con leite, café, té con froita, té con crema de queixo ou batido de froitas. A isto súmase unha gran variedade de toppings que permiten personalizar cada bebida e son a graza da proposta. O máis clásico e engadir perlas de tapioca, unhas pequena boliñas escuras e con textura de gominola feitas a partir de almidón deste tubérculo e azucre, con textura e sabor moi agradables, con matices de caramelo torrado e regaliz. Outras opcións que podemos engadir son a xelatina de coco, a xelea de herbas, o pudim, a nata, a crema de queixo ou, a máis chamativa, os popping boba, boliñas con sabor a diferentes froitas que explotan na nosa boca.
Aínda que o público adolescente foi o primeiro en sumarse a esta nova proposta, Lelé asegura que a súa oferta vai máis aló: “Temos tantos tipos de bebidas que hai para todos os gustos. Desde os máis clásicos ata os que entran a probar cousas novas”. Para os menos aventureiros tamén ofrecen té e café con leite tradicional e están traballando en engadir bolería para que Tea Talk sexa o lugar no que facer un descanso agradable a media mañá.
O local, que ten como mascota un oso panda, leva apenas cinco semanas en funcionamento, tempo suficiente para colleitar ducias de boas críticas. As recensións en Google son inmellorables, con clientes que destacan a calidade dos produtos, a variedade de sabores e a atención do persoal. “O mellor bubble tea de Vigo!”, “Os toppings son incribles!”, “Un lugar súper agradable!” son algúns dos comentarios que se poden ler.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Monkey Park, diversión salvaxe en Portugal - 12 Novembro, 2024
- Tea Talk, un sorbo de Asia no corazón da cidade - 7 Novembro, 2024
- Compass, unha experiencia musical de Bach ao jazz máis actual - 5 Novembro, 2024
- Heavy Lungs, Pantomima Full e Samaín esta fin de semana en Vigo - 30 Outubro, 2024
- Centros comerciais e barrios celebran unha fin de semana terroríficamente divertida - 29 Outubro, 2024