CAMELIAS MASCOTAS

Taller de arte Mingos Teixeira: 30 anos de creatividade e imaxe

O equipo docente deste taller artístico con tres décadas de historia está formado por tres membros da familia Teixeira: o fundador Mingos, Susana e Juan. Cada un deles está especializado nunha disciplina, facendo respectivamente da pintura, do debuxo e da fotografía o piar triangular dun proxecto que pretende «democratizar a arte e abrila para toda a sociedade».

Nesta escola non existen probas de acceso imposibles nin se esixen coñecementos previos para poder gozar dos diferentes cursos e actividades que aquí se realizan. O alumnado pon as ganas e as ferramentas, namentres que o profesorado fai o propio coas técnicas e as pautas para que cada persoa proxecte o potencial que leva dentro con total liberdade. O mantra deste obradoiro é que somos seres humanos porque podemos crear arte, pola sensibilidade que nos diferencia doutras especies animais.

Os Teixeira están tan seguros de que a creatividade é necesaria e útil en cada ámbito da vida, que van máis aló de ofrecer actividades formativas para rapaces e adultos (en grupos reducidos e mesturando idades para enriquecer o grupo). Ademais, impártense cursos para potenciar a creatividade no eido empresarial e organízanse saídas grupais a exposicións e outras actividades culturais na cidade.

REVISTA NOVEMBRO

Deste xeito, como complemento á oferta formativa anual, de luns a venres e de setembro a xuño durante todas as tardes, realízanse cursos especializados, campamentos de verán… Non hai escusa para non sacar a relucir a vertente máis artística que teñamos!

Avenida da Florida, 32, baixo | 986 20 49 48 | tallerdeartemingosteixeira@gmail.com | arteixeira.com/taller

Noelia Álvarez