VEGANA

Afloramento artístico no taller de Mingos Teixeira

No momento en que un cativo colle un lapis e se pon a facer garabatos, ponse en marcha o desenvolvemento da creatividade, da comunicación, da imaxinación e da motricidade fina. Isto pode acontecer en torno aos dous anos de idade, sendo a partir dos dous anos e medio cando outorgan nomes para eses primeiros debuxos que cobran sentido no maxín destes artistiñas. Xa con tres anos, esbozan persoas e obxectos, facilmente recoñecibles por estar representadas por un círculo e dous paus simulando a cabeza e as pernas. Chegados ao primeiro lustro de vida, empézanse a matizar estes debuxos. Ese é o momento perfecto para potenciar esta arte como fai Susana Teixeira nas actividades que propón para cativos.

No taller de arte Mingos Teixeira, os contidos desenvólvense en unidades que alternan debuxo e cor, empregando diferentes técnicas que incrementan as habilidades e os coñecementos dos rapaces, dándolles ferramentas para desenvolver a creatividade e o imaxinario de seu. Trátase de obradoiros personalizados, dinámicos, participativos e divertidos. Atrás quedan as sesións aburridas e dirixidas que utilizan patróns arcaicos: aquí prima a liberdade de expresión artística. Situado na contorna das Travesas, o taller conta con diversas clases mensuais, en horario de tarde e sen límite de idade.

Máis de tres décadas de experiencia en ensinanza artística avalan o taller dos Teixeira, desenvolvendo numerosos cursos e programas educativos sobre educación artística, coa firme vocación de expresar, afirmar e potenciar as capacidades creativas do alumnado. A través da pintura, os cativos descobren as cores, a mestura delas, as formas, os trazos… Simbolizan experiencias e sentimentos, estimulan a creatividade e a sensibilidade e mesmo aumentan a capacidade de concentración. Neste estudio teñen moi claro que xamais se debe limitar a arte, xa que a capacidade creativa non ten límite e canto máis se usa máis se desenvolve.

Avenida da Florida, 32
986 20 49 48
arteixeira.com
Instagram: @taller_mingos_teixeira

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.